saltar ao contido

Declaración Institucional en apoio ao Manifesto da Plataforma Dereito ao Tren

Declaración Institucional en apoio ao

Manifesto da Plataforma Dereito ao Tren

 

 

A estación da Gudiña-Porta de Galicia dá servizo de tren ao territorio do oriente de Ourense, que inclúe as comarcas da Limia, Terra de Trives, Valdeorras, Verín e Viana, e facilita a comunicación co Norte de Portugal.

 

Os horarios dispoñibles na devandita estación ata o pasado 9 de xuño de 2025 permitían desprazarse para acudir a unha consulta médica, para realizar xestións administrativas e para diferentes casos de uso relacionados co emprego, a educación, o turismo rural e o desenvolvemento local, o emprendemento, a conciliación familiar e un longo etcétera. En definitiva, tratábase duns horarios que posibilitaban á poboación exercer o seu dereito de mobilidade e acceso aos servizos.

 

O 9 de xuño RENFE oficializou uns novos horarios nos que eliminou 16 trens dos que ata entón tiñan parada na Gudiña. Os cambios introducidos por RENFE quitáronnos ese dereito á mobilidade e poñen en grave risco a igualdade de oportunidades no noso territorio.

 

Agora emprendemos unha mobilización para defender o noso dereito á mobilidade, á igualdade de oportunidades e ao acceso ás infraestruturas que transforman o noso territorio e das que outros, pero non nós, poden gozar.

 

Queremos ver pasar o tren, que pare e que sexa útil.

 

O noso medio rural debe ter as mesmas oportunidades que o resto dos territorios.

 

A desaparición dos horarios útiles de tren pon en risco tamén a continuidade da propia estación. Os horarios inútiles farán que se utilice menos e, por tanto, darán pé á redución posterior dos servizos e, finalmente, ao peche da estación.

 

Para permitir a conexión do AVE coas comarcas veciñas de Valdeorras e Verín, establecéronse autobuses de ligazón entre os concellos e a estación. Eses horarios de transporte por estrada permitiron manter conectadas as comarcas. Con todo, agora están tamén en risco de desaparición.

 

Por todo iso, solicitamos a todas as administracións involucradas —tanto provinciais, como autonómicas, como estatais— que nos permitan á cidadanía accedermos a un dereito fundamental como é o transporte, que nos permita acceso aos servizos sen discriminación territorial.

 

A nosa reivindicación é que a estación da Gudiña-Porta de Galicia conte con horarios útiles para as necesidades que ten a poboación neste territorio, en igualdade de condicións con outros territorios e estacións de orixe. Por iso, pedimos:

 

  • A adaptación dos horarios ás necesidades da poboación.
  • O restablecemento das frecuencias eliminadas.
  • Apostar por un servizo público ferroviario útil.

     

     

    Santiago de Compostela; 4 de agosto de 2025​



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina