5.2 27332(12/PNP-002207)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Prado del Río, Paula e 8 máis
Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe realizar ao Goberno central referidas ao traballo conxunto entre o Estado e as comunidades autónomas no que atinxe á política de vivenda
Publicación da iniciativa, 211f1, 18.06.2025
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a esixirlle ao Goberno de España:
1. Remitir, tal e como expresaba o presidente do Goberno na carta enviada ás comunidades autónomas con motivo da Conferencia de Presidentes do 6 de xuño de 2025, unha proposta formal e detallada para iniciar a negociación real dun Acordo Estatal de Vivenda 2026–2030, acompañado de cronogramas, financiamento, e garantías de execución.
2. Reclamar que calquera medida ou iniciativa en materia de vivenda sexa previamente consensuada e dialogada coas comunidades autónomas, garantindo o respecto ao principio de lealdade institucional e ás competencias exclusivas ou compartidas recollidas no marco constitucional e estatutario.
3. Reclamar que atenda de forma efectiva as peticións, propostas e necesidades expostas polas comunidades autónomas en materia de vivenda e, particularmente, as formuladas pola Xunta de Galicia, garantindo un tratamento equitativo, transparente e estable.
4. Convocar a Conferencia Sectorial de Vivenda que leva desde o mes de outubro sen reunirse, como foro de cooperación multilateral no que facer efectiva a participación das comunidades autónomas na definición do interese xeral, o apoio á unidade de acción e o respecto ao autogoberno e a diversidade".
Asemade, o Parlamento insta a Xunta de Galicia a seguir a impulsar un acordo co Goberno de España para aumentar o orzamento destinado ao Plan Estatal de Vivenda para Galicia en, cando menos, os 380M€ propostos na Conferencia de Presidentes, asumindo a Xunta de Galicia a súa parte de cofinaciamento.
5.4 30454(12/PNP-002344)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rodríguez Martínez, Roberto e 8 máis
Sobre a demanda que a Xunta debe dirixir ao Goberno central sobre a situación actual da concesión da AP-9 tras o ditame da Comisión Europea
Publicación da iniciativa, 238f2, 20.08.2025
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que, aproveitando o recente ditame da Comisión Europea, acorde o inmediato rescate da concesión e liberalización da peaxe da Autoestrada do Atlántico AP-9 por ser esta a alternativa máis vantaxosa para interese público, traer aparellados importantes beneficios sociais, ambientais e de seguridade viaria, e por contribuír á mellora da calidade de vida, aforro de tempo e maior competitividade para os usuarios desta infraestrutura".