A Comisión 4ª, Educación e Cultura, na súa sesión do 16 de outubro de 2025, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 25149 (12/PNC-002315)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Vázquez Suárez, Cecilia e 8 máis
Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central en relación co financiamento das obras de construción, reforma ou rehabilitación de centros educativos públicos
BOPG n.º 197f1, do 14.05.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 14 votos a favor, 0 votos en contra e 2 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a solicitar o Goberno central as seguintes demandas:
1. Modificar a normativa fiscal vixente para que as obras de construción, reforma ou rehabilitación de centros educativos públicos tributen a un tipo reducido do 10% de IVE, ao tratarse de actuacións vencelladas á prestación dun servizo esencial e básico como é a educación.
2. Habilitar un fondo específico de cooperación territorial para que as Administracións autonómicas e locais, dentro das súas respectivas competencias, conten con máis recursos coa finalidade última de mellora dos centros educativos e adaptalos aos novos retos da sociedade actual.".
Aprobación con modificacións
- 33777 (12/PNC-002932)
Grupo Parlamentario Socialista de Galicia
Longueira Castro, Silvia e Espinosa Mangana, María Elena
Sobre as medidas que debe tomar a Xunta de Galicia para reforzar as políticas de promoción do uso da lingua galega
BOPG n.º 257f1, do 18.09.2025
Sométese a votación separada por puntos:
Puntos 1, 2, 3, e 4, que resultan aprobados pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes
Puntos 5 e 6, coa incorporación da emenda de adición do G.P. do Bloque Nacionalista Galego (doc. 36988), que resultan rexeitados, por 7 votos a favor, 9 votos en contra e 0 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
1. Elaborar políticas lingüísticas como as do Plan de Dinamización da Lingua Galega na Mocidade, que aumenten realmente o uso do galego en todos os sectores da poboación nos diversos ámbitos, poñendo énfase nos sectores máis novos da poboación así como na promoción de campañas activas entre a mocidade para a promoción do mesmo.
2. Incrementar o contido audiovisual en galego tanto na CRTVG como mediante convenios con outras administracións e empresas deste ámbito, en especial contido dirixido ao público xuvenil (debuxos animados, dobraxe en galego nas plataformas de streaming ou producións propias nas mesmas...).
3. Incrementar o impulso do galego no mundo dixital, tanto no manexo das Tecnoloxías da Información e da Comunicación coma no mundo das redes sociais (Instagram, TikTok...), dos creadores de contido en galego e das disciplinas científico-técnicas.
4. Promoción do mundo musical en galego, apoiando aos creadores de música en galego e promocionando a produción en galego con festivais de música en galego así como concertos en galego na televisión pública.".
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 27704 (12/PNC-002621)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Ferro Iglesias, José Luis e 7 máis
Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe dirixir ao Goberno central relativa á incorporación na súa estrutura orgánica dos servizos que cumpran para remitir e recibir documentos oficiais en lingua galega
BOPG n.º 214f1, do 25.06.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a reclamar do Goberno de España a incorporación á súa estrutura orgánica dos servizos necesarios para recibir e remitir documentos oficiais en lingua galega, en calquera procedemento administrativo da súa competencia.".