saltar ao contido

Acordos aprobados na reunión da Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, celebrada o 24 de outubro de 2025

Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, na súa sesión do 24 de outubro de 2025, adoptou os seguintes acordos:

 

Procedementos de control e impulso

Proposicións non de lei en Comisión

 

Aprobación por unanimidade sen modificacións

 

- 30443 (12/PNC-002741)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Viso Diéguez, Miguel Ángel e 8 máis

Sobre a demanda que a Xunta debe dirixir ao Goberno central para que adopte as medidas necesarias para defender os intereses do sector agrogandeiro na negociación do novo marco financeiro europeo

BOPG n.º 239f1, do 21.08.2025

 

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España e trasladarlle as seguintes demandas:

 

1º.- Manifestar publicamente o seu rexeitamento a calquera proposta que implique unha redución substancial dos fondos europeos destinados ao sector agrícola e gandeiro no próximo Marco Financeiro Plurianual (2028- 2034).

 

2º.- Impulsar unha posición común entre os Estados membros da Unión Europea con maior peso rural para rexeitar a devandita redución e propoñer un financiamento adecuado que garanta os obxectivos da Política Agraria Común: asegurar unha subministración estable de alimentos a prezos alcanzables, garantir un nivel de vida xusto para os agricultores,  protexer o medio ambiente e promover o desenvolvemento sostible das zonas rurais.

 

3º.- Defender, no seo do Consello da Unión Europea, o mantemento dun orzamento específico e suficiente con recursos equivalentes e homologables á actual Política Agrícola Común (PAC) e aos fondos FEAGA e FEADER, de forma que se garanta a competitividade, modernización e viabilidade futura do sector.

 

4º.- Adoptar, facer explícito e exercitar un compromiso claro en defensa e apoio do sector agrícola e gandeiro no marco dun plan nacional específico, coa reserva de fondos como mínimo equivalentes aos existentes actualmente para España no marco da Unión Europea.

 

 

 

5º.- Activar mecanismos de interlocución permanente coas Comunidades Autónomas e coas organizacións profesionais agrarias para informar do estado das negociacións, recoller as súas achegas e aliñar a posición de Galicia e de España coas necesidades reais do sector."

 

 

- 34070 (12/PNC-002956)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Pazos Couñago, José Alberto e 16 máis

Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central co obxectivo de que cree unha nova base en Galicia das Brigadas de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF)

BOPG n.º 260f1, do 25.09.2025

 

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España a creación dunha nova Brigada de Reforzo contra Incendios Forestais (BRIF) con base en Galicia, para mellorar o dispositivo de prevención e loita conxunta contra os lumes e poñer fin á situación de discriminación que se produce coa actual distribución das bases polo territorio."​



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina