saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 18 de novembro de 2025

3.1    34188(12/PNP-002510)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Viso Diéguez, Miguel Ángel e 17 máis Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central respecto das medidas de protección fluvial nos espazos do seu ámbito competencial necesarias tras os incendios forestais

Publicación da iniciativa, 260f1, 25.09.2025

 

O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España e, a través das confederacións hidrográficas do Miño-Sil e do Douro:

1. Adoptar con carácter inmediato e no conxunto do territorio do seu ámbito competencial, medidas urxentes de protección fluvial, cun compromiso firme de máis colaboración na instalación de barreiras anticontaminación e coordinación de actuacións nas zonas da súa competencia, reforzando ademais a presenza das confederacións hidrográficas o territorio con equipos técnicos propios, despregados de maneira permanente nas zonas afectadas polos incendios.

2. Poñer en marcha un plan de choque postincendios, dotado dun orzamento extraordinario específico, que inclúa:

a. A limpeza e retirada de materiais das marxes e canles,

b. A restauración vexetal das beiras,

c. Accións de control da erosión do solo,

d. Medidas preventivas ante choivas torrenciais,

e. E a supervisión directa das infraestruturas hidráulicas que poidan verse comprometidas polos arrastres.

3. Reforzar os sistemas de control e vixilancia da calidade da auga, tal e como está a facer a Xunta de Galicia, ampliando a rede de puntos de seguimento en ríos e regatos afectados polos lumes e garantindo a publicación pública e transparente dos datos recollidos en tempo real.

4. Planificar actuacións a medio e longo prazo, tal e como está a facer a Xunta de Galicia orientadas á recuperación integral dos ecosistemas fluviais da demarcación, incorporando reforestación das marxes, restauración de hábitats ribeiráns, mellora de infraestruturas hidráulicas e deseño de protocolos específicos para futuras emerxencias postincendios."

 

3.6    37937(12/PNP-002782)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Arias Rodríguez, Raquel e 8 máis Sobre as medidas que a Xunta de Galicia debe poñer en marcha co obxectivo de reforzar as súas políticas públicas contra a violencia de xénero e as demandas que debe trasladar ao Goberno central nesta materia

Publicación da iniciativa, 279f1, 05.11.2025

 

O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento de Galicia acorda:

1º.- Instar á Xunta de Galicia a:

a) Promover os recursos, servizos e prestacións existentes a dispor das vítimas de violencia de xénero como as axudas directas periódicas, as axudas para darlles solucións habitacionais, as axudas para a súa inserción laboral do fin de que logren unha plena independencia do seu agresor, atención psicolóxica e a asistencia xurídica gratuíta.

b) Da man da FEGAMP e dos concellos galegos, seguir reforzando e ampliando as medidas existentes para loitar contra a violencia de xénero na nosa Comunidade, consolidando así os avances que xa están en marcha en Galicia.

c) Fortalecer a rede de atención ás vítimas, nomeadamente os centros de información á muller (CIM), a través da posta en marcha dun plan integral específico para a renovación, impulso e optimización destes recursos e adaptalos á evolución das dinámicas sociais e ás necesidades de funcionamento .

c) Fomentar a ampliación da Rede Galega de Entidades Locais contra a violencia de xénero.

d) Impulsar as Mesas Locais de Coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, en colaboración coa Xunta de Galicia, como instrumentos para optimizar a cooperación de todas as institucións e entidades implicadas na loita contra a violencia de xénero.

e) Implementar medidas de prevención e sensibilización en materia de igualdade e violencia de xénero en todos os ámbitos, especialmente no laboral.

 

2º- Instar á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España e trasladarlle as seguintes demandas:

a) Impulsar medidas para fortalecer o sistema Viogen2, garantindo a súa eficacia real na protección das mulleres vítimas de violencia de xénero.

b) Esixir a dimisión ou cese da Ministra de Igualdade polas responsabilidades políticas derivadas da situación xerada polos fallos acontecidos coas pulseiras de control telemático antimaltrato empregadas para a protección de vítimas de violencia contra as mulleres.

c) Realizar unha auditoría independente para conocer en detalle a dimensión da gravidade do ocorrido no fallo das pulseiras antimaltrato, co obxectivo de depurar responsabilidades, dispoñer de toda a información e evitar que algo así volva suceder no futuro.

d) Garantir a protección das vítimas de violencia de xénero cuns dispositivos telemáticos seguros, fiables e realmente útiles, que dean información veraz en todo momento, axudando ás mulleres vítimas a superar esa situación con confianza e seguridade, incluídas as mulleres que viven en contornas rurais.

e) Poñer en marcha todas as medidas sen cumprir do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, especialmente as relativas á modificación do Código Penal, Lei de Axuizamento Criminal e a aprobación da Lei de trata e a explotación de persoas.

f) Que incremente o financiamento do novo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero na mesma intensidade/proporción que o incremento nas medidas que recolle para que as Comunidades Autónomas, nomeadamente Galicia, podan executalas. En, en consonancia co anterior, establecer un sistema de reparto que teña en conta as peculiaridades de Galicia, como a dispersión poboacional.

g) Adoptar medidas concretas para paliar a revitimización de mulleres e menores froito da aplicación da Lei Orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral de liberdade sexual, coñecida como Lei do só si é si.

h) Poñer ao dispor das Comunidades Autónomas, singularmente á nosa, Galicia, os recursos necesarios para seguir impulsando plans de prevención e detección dos delitos de violencia de xénero, trata e explotación de seres humanos.

3º.- Reprobar calquera manifestación que vulnere o principio de igualdade de trato entre mulleres e homes ou se denigre a dignidade das mulleres.

4º.- Reprobar os ataques machistas e discriminatorios exercidos contra calquera muller que exerza responsabilidades públicas e, entre outras, os exercidos pola CIG contra a Conselleira de Política Social e Igualdade, así como os levados a cabo contra a Secretaria Xeral do PPdeG, Paula Prado , por parte do número 4 na listas do BNG ás eleccións europeas, Rogelio Santos Queiruga."​


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina