DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO PARLAMENTO DE GALICIA POLO DÍA MUNDIAL DA INFANCIA 2025
Trinta e seis anos despois da aprobación da Convención sobre os Dereitos do Neno, a infancia e a adolescencia fan fronte a múltiples retos. Como institucións representativas, reafirmamos o noso compromiso cos seus dereitos, tanto en Galicia como no mundo.
- En Galicia, o risco de pobreza infantil e de exclusión social ten a taxa máis baixa de toda España. Aínda así existen nenos e nenas que seguen en risco, especialmente en familias migrantes e monoparentais. Comprometémonos a investir máis e mellor na infancia, aplicar o Plan Nacional da Garantía Infantil Europea e impulsar medidas cara a unha prestación universal por neno ou nena.
- Debemos acoller con dignidade a nenos e nenas que chegan sos a España, fuxindo da violencia, da pobreza ou do cambio climático. É esencial evitarmos discursos que os deshumanicen e garantirmos unha atención integral, colaborativa e esperanzadora.
- Debemos construír un sistema de protección centrado na familia e na prevención, que apoie as familias en situación de vulnerabilidade para que poidan garantir o coidado dos seus fillos e fillas e evitar separacións innecesarias. Cando a separación sexa precisa, o acollemento familiar debe ser a opción preferente, ofrecendo un ambiente seguro, afectivo, reparador e estable. Os recursos residenciais deben ser espazos seguros e especializados que acompañen procesos de reparación. Cómpre reforzarmos os programas de emancipación, para que ningún mozo ou moza quede sen apoio ao saír do sistema.
- Na contorna dixital, é clave identificar riscos e establecer mecanismos de prevención, de educación e de atención, garantindo os dereitos da infancia tamén en Internet, coa participación activa dos nenos e das nenas, das escolas, das familias e das empresas tecnolóxicas.
- Na prevención da violencia, debemos harmonizar a lexislación, establecer estándares de protección, rexistros actualizados, formacións e campañas de sensibilización. É necesario impulsar as figuras do coordinador de benestar nos centros educativos e do delegado de protección no ocio e no deporte.
- En saúde mental, comprometémonos a incrementar recursos, fomentar a prevención e detección temperá, e evitar que os malestares emocionais se convertan en problemas graves. Medidas como unidades móbiles de atención á saúde mental e políticas contra o bullying e o ciberacoso son fundamentais.
Recordamos tamén a situación da infancia noutros territorios: os recortes na axuda ao desenvolvemento poñen en risco avances logrados. Ademais, é preciso lembrar os vinte mil nenos e nenas que morreron na guerra en Gaza.
Garantirmos os dereitos de todos os nenos, nenas e adolescentes é responsabilidade colectiva. Debemos escoitalos, fomentar a súa participación e renderlles contas nas decisións que lles afectan.
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025