A Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, na súa sesión do 25 de novembro de 2025, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación con modificacións
- 37119 (12/PNC-003232)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Fidalgo Iglesias, Miguel e 8 máis
Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central verbo da regulación da pesca marítima de recreo en augas exteriores
BOPG n.º 276, do 29.10.2025
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, por 14 votos a favor, 0 votos en contra e 1 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España, en particular á Secretaría Xeral de Pesca, para que:
1. Proceda á paralización e modificación do proxecto de Real Decreto de medidas de xestión dos recursos pesqueiros, en particular no relativo á pesca recreativa en augas exteriores.
2- Facer públicos os informes científicos nos que se basean as prohibicións de capturas de determinadas especies recollidas no proxecto de Real Decreto.
3. Inicie un proceso de diálogo real co sector recreativo galego, para contar cunha normativa nova, equilibrada e consensuada.
4. Recoñeza o carácter de autoconsumo da pesca recreativa, respectando os datos oficiais que acreditan o seu impacto mínimo.
5. Estableza un marco regulatorio baseado en criterios científicos transparentes, aplicando medidas proporcionais e equitativas entre pesca profesional e recreativa.
6. Valore ponderadamente os aspectos ambientais, así como os económicos e sociais, tendo en conta as alegacións achegadas ao proxecto de Real Decreto, antes da redacción definitiva e da publicación do Real Decreto citado.
7. Incorpore unha regulación que fomente o respecto das vedas e tallas mínimas, como principios básicos de sustentabilidade, evitando prohibicións arbitrarias.
8. Desenvolva un sistema de declaración de capturas sinxelo e accesible, sen que isto supoña unha carga administrativa excesiva.
9. Reforce a loita contra o mercado ilegal de peixe, incrementando a presión sobre a hostalaría que adquira produto procedente da pesca recreativa fóra da legalidade"
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 33273 (12/PNC-002884)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pérez Fernández, Rosana e 4 máis
Sobre as medidas que debe pór en marcha o Goberno galego en relación coa recuperación biolóxica e produtiva das rías galegas
BOPG n.º 252f1, do 10.09.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 15 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galiza insta o Goberno galego a:
-Dar cumprimento ao acordo unánime tomado na sesión plenaria do Parlamento galego do pasado 19 de novembro de 2024 e, polo tanto, de cara á elaboración dos orzamentos da Consellaría do Mar para o ano 2026 e seguintes.
-Priorizar ante calquera outro, todos aqueles investimentos dirixidos a blindar a máxima protección ao sector pesqueiro e marisqueiro tradicional e á acuicultura extensiva, nomeadamente os destinados ao mantemento e á creación de emprego de produtores e produtoras.
-Destinar os recursos do FEMPA preferentemente a accións de investigación sobre a perda de produtividade das rías galegas e para facer fronte ás consecuencias do cambio climático, así como á posta en marcha de medidas que melloren e reforcen o actual modelo produtivo de xestión sostíbel dos recursos pesqueiros e marisqueiros.
-Elaborar e levar a cabo un catálogo de medidas de identificación e promoción dos produtos orixinarios do sector do mar galego, que poña en valor a produción propia e impida a competencia dos produtos importados e as etiquetaxes enganosas e fraudulentas"
- 36051 (12/PNC-003135)
Grupo Parlamentario Socialista de Galicia
Castro Rey, Paloma e López Font, Carlos
Sobre as medidas que a Xunta de Galicia debe implementar para garantir a continuidade da actividade marisqueira e a mellora das condicións laborais neste sector
BOPG n.º 268f2, do 15.10.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 15 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a implementar medidas que garantan a continuidade da actividade marisqueira e melloren as condicións laborais e vitais das persoas mariscadoras.
Entre as que se inclúan as seguintes:
a) A realización dun diagnóstico actualizado da situación socioeconómica do sector marisqueiro, con especial atención á distribución por idades, xénero, modalidades e zonas máis afectadas pola perda de persoal.
b) A posta en marcha de axudas económicas para a incorporación de persoas novas ao marisqueo profesional, tanto na modalidade a pé como con embarcación, incluíndo apoio á formación, adquisición de material e redución de taxas administrativas.
c) Medidas de conciliación e coidados destinadas a mariscadoras e mariscadores, especialmente en zonas rurais e periurbanas, que faciliten a continuidade na actividade.
d) A integración da perspectiva de xénero nas políticas marisqueiras da Xunta, recoñecendo o papel central das mulleres e promovendo a súa representatividade nos órganos de decisión do sector.
e) O impulso a campañas de promoción e recoñecemento social do marisqueo como actividade esencial, digna e con futuro, co obxectivo de atraer talent novo e poñer en valor o traballo desenvolvido polas mariscadoras galegas ao longo de xeracións"
- 37852 (12/PNC-003288)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
García González, Patricia e 8 máis
Sobre diversas medidas que a Xunta de Galicia debe reclamar ao Goberno central e á UE para a defensa dos intereses da frota galega de pesca, singularmente a de cerco e de arrastre litoral
BOPG n.º 279f1, do 05.11.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 15 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España e á Comisión Europea para que:
1.- Defendan con firmeza os intereses da flota galega nas negociacións internacionais de repartición de cotas de xarda, esixindo unha distribución xusta e proporcional.
2.- Apliquen o Regulamento europeo que permite restrinxir o acceso ao mercado da UE aos produtos pesqueiros procedentes de países que incumpran os acordos de pesca sostible (Noruega, Islandia, Illas Feroe).
3.- Reclamen á Comisión Europea que sancione as autoasignacións unilaterais de cotas que poñen en risco a sustentabilidade da especie e distorsionan o mercado.
4.- Soliciten á Unión Europea un plan específico de apoio ás flotas galegas afectadas pola redución de cotas, con medidas de compensación económica e apoio á transformación e comercialización.
5.- Reforcen a coordinación institucional entre Xunta, Goberno de España e sector, garantindo unha posición común e unificada na defensa da pesca galega ante Bruxelas"
- 38241 (12/PNC-003329)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pérez Fernández, Rosana e 4 máis
Sobre as accións que debe impulsar o Goberno galego ante a previsible redución por parte da Comisión Europea dos TAC e das cotas pesqueiras para 2026 e a súa afección á frota galega
BOPG n.º 283f1, do 12.11.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 15 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galiza insta o Goberno galego a:
1- Reclamar do Goberno do Estado que, diante do Consello de Ministros de Pesca da UE do vindeiro mes de decembro,
. Manteña un posicionamento que asegure a viabilidade e a sostibilidade da actividade e da frota pesqueira galega.
. Reclame o cumprimento do dictado pola sentenza do Tribunal de Xustiza da UE do 11 de xaneiro de 2024, na que se recoñece a importancia de atender as cuestións sociais e económicas e non só as medioambientais á hora da fixación das cotas nas distintas especies.
. Vete calquera redución de cotas que non vaia na liña da sentenza do TXUE mencionada ou que afecten gravemente á frota pesqueira galega, nomeadamente á de baixura.
. Que avance nas medidas de cobertura económica da frota que se vexa afectada pola posíbel redución de cotas.
. Que inste á UE a tomar medidas dunha vez por todas para impedir a entrada no mercado europeo de xarda e xurelo procedente dos países do norte de Europa que se autoasignan cotas desas especies.
. Que leve a cabo unha xestión interna das cotas que correspondan en cada caso que impida a distorsión que se dá na actualidade entre as distintas zonas do Estado e que non sexa causa da especulación das posibilidades de pesca e da discriminación que se vén producindo ata o de agora
2- Que, en previsión de novos recortes pola escaseza de cotas para 2026 que provoquen paros na nosa frota pesqueira, planifique o seu propio plan de axudas económicas para o sector afectado polas posíbeis decisións do Consello de decembro, como complemento ás que puidera convocar o Goberno do Estado"