DECLARACIÓN INSTITUCIONAL CON OCASIÓN DO CINCUENTA ANIVERSARIO DO PASAMENTO DE DON RAMÓN OTERO PEDRAYO (1888-1976)
O vindeiro ano 2026 fanse cincuenta anos do pasamento de don Ramón Otero Pedrayo (1888– 1976), figura esencial das letras, do pensamento e da identidade galega contemporánea, así como o centenario da publicación dunha das súas grandes obras, a Guía de Galicia.
Profesor, ensaísta, xeógrafo, novelista, político e membro destacado das Irmandades da Fala e máis tarde do Partido Galeguista, Otero Pedrayo foi un dos piares do florecemento cultural e intelectual de Galicia, representante dunha xeración que soubo vincular o galeguismo coa defensa da cultura universal e co compromiso coa nosa terra.
A súa obra literaria e científica —que abrangue a narrativa, o ensaio, a historia, a xeografía, a filosofía e o pensamento político— segue a ser un referente de estudo e de inspiración. O seu exemplo de dedicación a Galicia, á lingua e á cultura galega merece, neste marco conmemorativo, un recoñecemento institucional amplo e transversal.
Desde o seu prolífico labor non deixou xénero literario sen cultivar, o que lle valeu a designación como «Patriarca das Letras Galegas». Desde o ensaio á novela, desde a poesía ao teatro; o artigo xornalístico ou o traballo científico, tanto histórico como xeográfico, constitúen o inmenso, case inabarcable mundo literario de Don Ramón, ao que hai que engadir a parte máis sobresaínte da súa figura intelectual, por ter sido un dos máis grandes oradores da historia de Galicia.
Formouse no galeguismo da man de Antón Losada Diéguez, xunto con Risco e Cuevillas, formando parte do Ateneo Ourensán en 1914 e tamén do Grupo NÓS cos intelectuais máis sobranceiros daquel tempo, con todo o que significou este grupo no mundo cultural galego. A Real Academia Galega nomeouno membro de número en 1929.
Foi tamén un reputado mestre de vocación, pois accede xa á cátedra de instituto no ano 1919, ao tempo que tamén inicia a súa implicación na vida política galega, empezando en 1918 pola participación na candidatura rexionalista de Lois Porteiro Garea, membro das Irmandades da Fala de Compostela e, tres anos máis tarde, viaxa a Vigo, en abril de 1921, con Vicente Risco e Noguerol, para participar na asemblea anual das Irmandades.
Coa chegada da República, Otero e outros galeguistas ven a posibilidade de acadar a autonomía de Galicia, polo que comeza en 1930 a percorrer a provincia de Ourense dando mitins de carácter nacionalista e fundando o Partido Nazonalista Repubricán de Ourense, do que foi presidente, defendendo a cooficialidade das linguas e a autonomía de Galicia. Acada entón a acta de deputado, xunto con Castelao e Suárez Picallo, e en decembro de 1931 participa na fundación do Partido Galeguista, de cuxo Consello Executivo formou parte.
Nunca abandonou o Partido Galeguista, aínda que polo seu profundo catolicismo e pensamento político de corte liberal e conservador disentiu en ocasións das súas propostas. Participou moi activamente na campaña do plebiscito do Estatuto de Galicia, compartindo coma todos os galeguistas a ledicia polo triunfo do 28 de xuño de 1936. Este percorrido político fixo que fose vítima de represión unha vez sobrevido o levantamento militar que trunca todas as súas ilusións, e no ano 1937 foi destituído e apartado do ensino, ao que non volverá a incorporarse ata 1948. En 1950 oposita á cátedra de Xeografía da Universidade de Santiago, converténdose no primeiro catedrático desta materia na USC.
Entregado a unha actividade intelectual intensa, representou naquel momento a resistencia do galeguismo histórico, levando a cabo os primeiros discursos públicos en galego. Foi o derradeiro presidente do Seminario de Estudos Galegos, participando logo na fundación do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, no que traballou en infinidade de proxectos e investigacións.
Nesa época colabora con estudantes mozos inquedos e desexosos de escoitalo cada tarde no Café Español, que popularizaron os seus poemas polo grupo Brais Pinto (Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Bautista Álvarez, Ramón Lorenzo, Raimundo Patiño, Fernández Ferreiro, Herminio Barreiro,) do libro Bocarribeira. Poemas pra ler e queimar.
Hoxe a Fundación Otero Pedrayo ubicada en Trasalba- Amoeiro vela pola proxección da súa figura e da súa obra, que están presentes na produción editorial, cultural e docente por todo o país.
Ramón Otero Pedrayo únenos a todos. É un dos persoeiros máis coñecidos e recoñecidos por todos os galegos e as galegas. Por iso o pobo galego lle outorgou a súa máxima estima.
Por todo isto, e considerando a transcendencia da súa figura na construción da Galicia moderna, proponse, como recoñecemento e mostra de gratitude do pobo galego, acordar declarar o vindeiro ano 2026 como Ano Oteriano, promovendo actividades de investigación, difusión e posta en valor da súa vida e obra en colaboración coas institucións culturais, educativas e académicas do país.