saltar ao contido

​Santalices destaca a figura de Castelao como alicerce da Galicia contemporánea

​Santalices destaca a figura de Castelao como alicerce da Galicia contemporánea

 

 

  • O presidente referiuse ao Ano Castelao como unha oportunidade que serviu para dar a coñecer o noso pasado e historia.

     
  • O presidente salientou a creación da Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, un feito que se conseguiu grazas a un grande acordo social e político.

 

 

Santiago, 7 de xaneiro de 2026. O presidente da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices Vieira, celebrou hoxe, no acto conmemorativo do septuaxésimo sexto aniversario do pasamento de Castelao, que o Ano Castelao permitise divulgar diferentes aspectos relacionados coa historia contemporánea de Galicia, da cal considera como «alicerce» o ilustre rianxeiro.

 

Santalices revindicou, ademais, neste acto a faceta de médico e humanista de Castelao, que o levou a exercer a profesión durante un breve período, achegándose aos máis desfavorecidos.

 

O xefe do Lexislativo autonómico lembrou que, durante o pasado ano, o Parlamento desenvolveu un labor didáctico co gallo do Ano Castelao, colaborando en actividades, como a  presentación do libro O Estatuto de GaliciaAntecedentes e comentarios, unha obra do presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas; como a conmemoración da constitución do Consello de Galiza o 15 de novembro de 1944, en Montevideo, que deu lugar despois ao autogoberno de Galicia; ou como a presentación do arquivo dixital do Fondo do Anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia (1932-1936), que suma 6.700 documentos, composto polas actas de reunións, por correspondencia, por informes e por emendas aos artigos do Anteproxecto do Estatuto.

 

Na súa intervención, Santalices referiuse tamén á recente constitución da Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, como un «símbolo de concordia, grazas a un amplo acordo social e político dirixido a honrar a memoria dos nosos ilustres alí soterrados».

 

Por outra banda,  destacou a creación, en colaboración coa USC, das cátedras Otero Pedrayo, Rosalía de Castro, Carvalho Calero e Castelao, dirixidas a profundaren e a impulsaren o coñecemento do seu legado artístico e intelectual.

 

Finalmente, aludiu á aprobación, por unanimidade de todos os grupos parlamentarios, da declaración deste ano 2026 como o Ano Oteriano, cando se fan cincuenta anos da morte de don Ramón Otero Pedrayo (1888-1976).

 

 

 

 

 

 

 

Saúdos do Gabinete de Comunicación

 

 

 

 

 

 

 



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina