Santalices salienta o compromiso permanente da Cámara coa produción artística feita en Galicia
Santiago, 6 de febreiro de 2026.- O Parlamento de Galicia, coa colaboración da Real Academia Galega de Belas Artes, inicia o programa de charlas divulgativas sobre a colección de arte da cámara autonómica, un fondo patrimonial composto por máis de trescentas cincuenta obras pertencentes a máis de cento vinte artistas.
A primeira destas charlas, realizadas por académicos, estivo a cargo do académico Felipe Senén na Escola de Arte Superior de Deseño-EASD Pablo Picasso e contou coa presencia do presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, e do presidente da Real Academia, Manuel Quintana Martelo.
Ao longo dos próximos meses, estas charlas estenderanse a máis centros universitarios e mesmo a espazos culturais do territorio galego.
Santalices lembrou hoxe que esta colaboración é un paso máis no compromiso permanente do Lexislativo galego por apoiar e contribuír na promoción da creación e produción artística que se fai en Galicia e por outra banda, a continuidade na difusión da arte e cultura galegas para así chegar a máis concellos e á cidadanía en xeral.
Cómpre lembrar que, xunto coa Asociación de Exparlamentarios/as, realízanse charlas-coloquio en centros educativos que así o soliciten para que o alumnado poida coñecer de preto o traballo que se desenvolve no Parlamento de Galicia.
Nestas sesións divulgativas os/as exparlamentarios/as explican as funcións da Cámara autonómica, a súa composición e órganos, ademais de responder calquera pregunta ou dúbida do público asistente. As charlas compleméntanse cunha proxección audiovisual, que fai un percorrido pola realidade da principal institución política de Galicia.
Saúdos, Gabinete de Comunicación