saltar ao contido

Acordos aprobados na reunión da Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, celebrada o 18 de febreiro de 2026

Procedementos de control e impulso

Proposicións non de lei en Comisión

 

Aprobación sen modificacións

- 48308 (12/PNC-003758)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Prado del Río, Paula e 6 máis

Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe dirixir aos concellos galegos co fin de que impulsen a alta, a actualización e o mantemento dos datos no Rexistro das Policías Locais de Galicia

BOPG n.º 328f3, do 05.02.2026

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 14 votos a favor, 0 votos en contra e 2 abstencións.

O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que, a través da FEGAMP, os concellos galegos impulsen a alta, actualización e mantemento dos datos no Rexistro das Policías Locais de Galicia, có fin de garantir a coordinación eficaz dos corpos de Policía Local de Galicia"

 

- 49644 (12/PNC-003853)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Grueira Fernández, Nicole e 13 máis

Sobre a proposta de acordo parlamentario relativo á condena de actos vandálicos cometidos contra as sedes do PPdeG, así como de calquera acto semellante contra sedes de formacións políticas democraticamente constituídas

BOPG n.º 332f2, do 11.02.2026

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 11 votos a favor, 5 votos en contra e 0 abstencións.

O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento de Galicia acorda:

1. Condenar os actos de vandalismo cometidos contra as sedes do Partido Popular de Galicia, así como calquera outro acto de natureza similar dirixido contra sedes de formacións políticas democraticamente constituídas.

2. Rexeitar a utilización de mobiliario e espazos públicos ou privados para a colocación de pintadas, que non cumpren coa normativa vixente e con consignas que teñen o único fin de xerar crispación, polarización e alimentar a conflitividade social, por seren contrarias á legalidade e ao respecto debido á convivencia cidadá.

3. Amosar a súa vontade de que as forzas políticas se absteñan deste tipo de prácticas e as condenen publicamente cando se produzan, como expresión dun compromiso compartido co pluralismo político, o respecto institucional e o uso responsable dos espazos comúns.

4. Reafirmar o compromiso do Parlamento de Galicia coa defensa dunha participación política respectuosa co marco democrático e legal, baseada no diálogo, no respecto ás institucións e na convivencia cidadá."



Aprobación por unanimidade sen modificacións

- 48313 (12/PNC-003760)

Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego

Tabarés Pérez-Piñeiro, Iago e 6 máis

Sobre as actuacións que debe impulsar ou executar a Xunta de Galicia, segundo as súas competencias, en relación coa modificación e mellora da planta xudicial de Galicia

BOPG n.º 328f3, do 05.02.2026

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 16 deputados e deputadas presentes.​​

O texto aprobado é o seguinte:


“O Parlamento insta a Xunta de Galiza a impulsar ou executar, segundo as competencias, as actuacións necesarias para:

1º- A creación de novas prazas xudiciais que, cando menos, conteña a proposta formulada pola Comisión Mixta de Xustiza de Galiza, nomeadamente nos Tribunais de Instancia de Vilagarcía, Ribeira, Carballo, Viveiro e Sarria.

2º- Incrementar o cadro de persoal nos corpos de xestión, tramitación e auxilio xudicial, de conformidade, como mínimo, coas novas prazas xudiciais a crear"



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina