saltar ao contido

A Medalla do Parlamento 2026 distingue as deputadas galegas que hai trinta anos participaron en Beijing na Conferencia Mundial sobre as Mulleres

  • Recibirán, xunto á exconselleira e deputada Manuela López Besteiro, a máxima distinción que outorga a Cámara o vindeiro 6 de abril, en recoñecemento ao seu labor pioneiro a prol das políticas de igualdade

 

  • A concesión da Medalla foi acordada por unanimidade na Mesa da Cámara

 

Santiago, 6 de marzo de 2026.- A Mesa do Parlamento acordou, por unanimidade, concederlles a Medalla do Parlamento de Galicia 2026 ás nove deputadas autonómicas da IV Lexislatura que hai trinta anos participaron na Conferencia Mundial da Mulller celebrada en Beijing, así como á exconselleira e deputada Manuela López Besteiro.

María Xosé Ares Casal, María Teresa Fernández Piñeiro, Pilar Pedrosa González de Castejón, María Fernanda Cerviño Villaverde, Elisa Madarro González, do Grupo Popular; María Xosé Porteiro García, María Antonia Álvarez Yáñez, do Grupo Socialista; e María Pilar García Negro e Olaia Fernández Dávila, do Grupo do Bloque Nacionalista Galego, son as deputadas da IV Lexislatura que participaron na devandita Conferencia, a maioría delas pertencentes á primeira Comisión Parlamentaria para a Igualdade e os Dereitos das Mulleres.

O acto, que se celebrará o vindeiro 6 de abril, coincidindo co aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia, supón o recoñecemento ao seu labor pioneiro e o seu compromiso a prol das políticas de igualdade.

 

Edicións anteriores

Nas edicións anteriores a Medalla do Parlamento de Galicia foi entregada aos expresidentes e ás expresidentas do Parlamento de Galicia (2016); á Comisión dos Dezaseis (autores do anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia, en 2017); a Cáritas Diocesana, COGAMI e Aldeas Infantiles SOS (2018); e á emigración galega (entregada aos 14 centros e entidades que integran a Comisión delegada do Consello de Comunidades Galegas, como lexítimos representantes do conxunto da emigración galega de todos os tempos, na edición de 2019).

​No ano 2020, a Medalla do Parlamento de Galicia non foi concedida porque a Cámara se atopaba disolta na data prevista para o acto de entrega, que coincidía, ademais, co confinamento derivado da primeira onda da covid-19.

No ano 2021 a Medalla do Parlamento foi entregada ás fundacións que perpetúan o legado da Xeración Nós, mentres que na edición de 2022 se recoñeceu o labor das institucións estatutarias (Valedor do Pobo, Consello de Contas e Consello da Cultura Galega), pola súa contribución  ao afianzamento do autogoberno.

No ano 2023 a distinción do Lexislativo recoñeceu a cooperación transfronteiriza entre Galicia e a Rexión Norte de Portugal.

No ano 2024 a Medalla do Parlamento non foi concedida pola coincidencia coas datas de comezo da XII Lexislatura.

No ano 2025 foi concedida á Real Academia Galega de Belas Artes, a Afundación-Obra Social ABANCA e ao catedrático de Historia Contemporánea da USC Ramón Villares.

Desde a súa primeira edición, a Medalla do Parlamento de Galicia veuse entregando o 6 de abril de cada ano, aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia.



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina