saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 10 de marzo de 2026

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 10 de marzo de 2026

      

 

 

 

 

4.3 39141(12/PNP-002895)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Rodríguez Martínez, Roberto e 9 máis

Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central en relación co proxecto "Variante oeste de Caldas de Reis e acceso do porto de Vilagarcía á AP-9" Publicación da iniciativa, 295f1, 03.12.2025

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España e trasladar as seguintes demandas:

 

1. Anular, de xeito inmediato, o actual estudo informativo do proxecto “Variante Oeste de Caldas de Reis e Acceso do Porto de Vilagarcía á AP-9" polas graves afeccións de todos os trazados propostos no mesmo aos territorios de Caldas de Reis e Portas.

 

2. Iniciar con urxencia a redacción dun novo estudo informativo para a próxima construción da Variante Oeste de Caldas de Reis en torno ás estradas nacionais N-640 e N-550, excluíndo o acceso ao Porto de Vilagarcía, que conteña alternativas de trazado que se adapten os acordos unánimes dos Plenos dos concellos de Caldas de Reis e Portas do ano 2008, e que sexan aceptadas pola veciñanza, cunha menor afección e lesividade sobre os termos municipais de Caldas de Reis e Portas."

 

 

 

4.5 48724(12/PNP-003187)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Lorenzo Gómez, Rubén e 8 máis

Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central coa fin de que teña en conta as reclamacións de Galicia para as seguintes fases de elaboración da planificación ata 2030 da rede de transporte de enerxía eléctrica

Publicación da iniciativa, 332f1, 11.02.2026

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que, nas seguintes fases do proceso de elaboración da planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica para o horizonte 2030, teña en conta as demandas feitas polo Goberno galego, é dicir, incrementar o investimento total para a Comunidade e, por outro, informe cal é a distribución territorial da nova potencia que vai estar dispoñible para o consumo, imprescindible para poder elaborar unha planificación industrial e enerxética para os vindeiros anos. Ao mesmo tempo establecer mecanismos que dean unha resposta áxil ás necesidades dos proxectos que queren implantarse na nosa Comunidade pero que, por falta de conexión, non o poden facer".

 

Así mesmo, o Parlamento insta a Xunta de Galicia a demandar do MITECO a urxente solución para o nó de transición enerxética das Pontes, tendo en conta que actualmente non existe nin capacidade de evacuación nin de acceso á rede de transporte, polo que se precisa dar unha resposta urxente a esta débeda que o Estado ten coa Zona de Transición Xusta da Pontes.

 

 

4.6 49257(12/PNP-003217)

Grupo Parlamentario Socialista de Galicia Castro Rey, Paloma e 2 máis

Sobre as accións que debe impulsar a Xunta de Galicia ante o crecemento da desinformación sobre as mulleres e dos discursos de odio por razón de xénero

Publicación da iniciativa, 332f1, 11.02.2026

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a asumir un papel activo fronte á desinformación e os discursos de odio contra as mulleres, mediante as seguintes accións:

 

1. Poñer en marcha unha estratexia educativa para a prevención da desinformación e dos discursos de odio por razón de xénero dirixidos especialmente á infancia e á mocidade, para a detección dos discursos antifeministas no ámbito dixital.

 

2. Desenvolver materiais formativos e recursos didácticos para o profesorado e as familias que faciliten a identificación de noticias falsas e a promoción da igualdade de xénero.

 

3. Impulsar campañas públicas de sensibilización, especialmente nas redes sociais, que visibilicen o impacto da desinformación sobre as mulleres e o feminismo e promovan valores democráticos e de igualdade. ​


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina