saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia de apoio á creación do EUHRIC na Coruña

O Parlamento de Galicia manifesta o seu apoio institucional á creación do Centro europeo de referencia para a innovación, a gobernanza e a estratexia nas políticas europeas de recursos humanos, prevención de riscos laborais, saúde laboral e novos empregos (EUHRIC) na cidade da Coruña, concretamente na Cidade das TIC, como unha iniciativa de cooperación e proxección europea orientada á regulación, a promoción e a ordenación da innovación aplicada en RH e PRL, no marco da transformación dixital e da intelixencia artificial. 

​O EUHRIC concíbese como un centro de referencia e como unha plataforma aberta de colaboración entre administracións, territorio, universidades e centros de coñecemento, empresas, profesionais e axentes sociais, co obxectivo de impulsar a investigación aplicada, a formación especializada, a transferencia de coñecemento e mais o desenvolvemento de proxectos piloto en ámbitos como a organización do traballo, a xestión do talento, a prevención de riscos, a saúde laboral, a ergonomía e o uso responsable de tecnoloxías dixitais e de IA. Trátase dunha fonte de talento e de vangarda. 

A través deste enfoque, o EUHRIC aspira a contribuír á mellora da calidade do emprego, da seguridade e da saúde no traballo, do benestar laboral e da competitividade, con especial atención á inclusión, á igualdade de oportunidades e á responsabilidade social. Todo isto cunha visión europea e conxunta. 

En coherencia con estes obxectivos, o Parlamento de Galicia expresa a súa vontade de apoio ao proxecto mediante a aprobación desta declaración institucional. ​



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina