A Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, na súa sesión do 7 de abril de 2026, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 26231 (12/PNC-002440)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Amigo Díaz, María Encarnación e 8 máis
Sobre as accións que debe levar adiante a Xunta de Galicia en relación coa especialidade de radiofísica hospitalaria
BOPG n.º 206f1, do 04.06.2025
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 17 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1.- Promover, no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, a revisión e redimensionamento do Programa Oficial da especialidade de Radiofísica Hospitalaria, coa finalidade de adaptalo á realidade tecnolóxica, científica e normativa actual, incrementando a duración da residencia a catro anos e actualizando os contidos formativos.
2.- Instar ao Goberno do Estado, no ámbito das súas competencias e en colaboración coa Comisión Nacional da especialidade de Radiofísica Hospitalaria, cos colexios profesionais e coas sociedades científicas implicadas, a revisar e actualizar as titulacións universitarias de acceso á especialidade, garantindo a súa adecuación ao nivel formativo esixido e aos estándares europeos.
3.- Fomentar programas de formación continua e actualización científica accesibles para os profesionais da Radiofísica Hospitalaria no sistema sanitario galego, co fin de garantir a súa capacitación fronte aos continuos avances tecnolóxicos."