saltar ao contido

O Parlamento de Galicia edita o primeiro Manual Parlamentario de España, dirixido a deputados e xornalistas


• Pilar Rojo felicítase de que o Lexislativo galego sexa “pioneiro” na divulgación dos mecanismos de funcionamento da institución parlamentaria
 
• O manual, escrito polo letrado oficial maior do Parlamento galego, Xosé Antón Sarmiento, combina o rigor cun estilo ameno e directo

Santiago, 27 de xaneiro de 2012.- A titular do lexislativo galego, Pilar Rojo Noguera, presentou esta mañá o Manual Parlamentario. Guía para os deputados e deputadas do Parlamento de Galicia, a primeira obra deste tipo que se edita en España e orientada a dar a coñecer a un público amplo o funcionamento desta institución.
 
A obra está editada polo Parlamento de Galicia no marco da estratexia impulsada por Rojo Noguera para  facilitar o traballo parlamentario, respostar ás dúbidas que se suscitan con maior frecuencia e dar a coñecer esta institución ao conxunto da sociedade.
 
Manual pioneiro
 
Na presentación do libro, celebrada esta mañá no Pazo do Hórreo, a presidenta da Cámara amosou a súa satisfacción polo carácter “pioneiro” desta publicación, coa que non conta ninguna outra Cámara lexislativa de España. De feito, o manual presentado recentemente en Madrid, e do que son autores diferentes letrados de parlamentos, está inspirado e segue o exemplo do presentado hoxe en Santiago, e foi coordinado polo letrado oficial maior da Cámara galega.
 
Para Pilar Rojo, “a distancia que, en ocasións, separa aos parlamentos dos cidadáns penso que podería superarse mediante o coñecemento e a divulgación dos mecanismos de funcionamento institucional”, obxectivo ao que responde este volume.
 
Máis aló dos propios parlamentarios, o manual editado polo Parlamento de Galicia está orientado a un público moito máis amplo, que inclúe aos xornalistas e funcionarios, pero tamén a calquera persoa interesada  en afondar no coñecemento do poder lexislativo galego.
 
Rigoroso pero ameno
 
Do formato do libro, a presidenta do Parlamento destacou o seu carácter “novioso e práctico, pensado para ser utilizado a cotío e mesmo poder efectuar anotacións, como unha axenda de traballo”. Tamén valorou o rigor da obra, característica que compatibiliza cun estilo ameno.
 
Rojo Noguera avanzou que, ao igual que outras publicacións recentes da Cámara, este manual tamén poderá consultarse de balde na páxina web do Parlamento de Galicia.
 
Utilidade
 
Xosé Antón Sarmiento, letrado oficial maior do Parlamento de Galicia e autor do texto, no que colaboraron tamén os servizos da Cámara, destacou, na súa intervención, a utilidade desta obra para o traballo cotiá, tanto dos deputados, como dos xornalistas e funcionarios.
 
Do cadro de persoal da Cámara, Sarmiento destacou a súa independencia, cualificación, experiencia e entrega no desenvolvemento das funcións que teñen encomendadas.
 
Sarmiento valorou tamén o “criterio institucional” que ven caracterizando o traballo da Mesa do Parlamento e da Xunta de Portavoces e que se plasma nos diferentes acordos que articulan o día da día da Cámara.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina