saltar ao contido

Os presidentes dos parlamentos autonómicos reivindican en Santiago “os valores que representa a Europa milenaria que se fixo peregrinando a Compostela”

• Mantiveron un encontro co alcalde de Santiago

Santiago, 5 de marzo de 2012.- O presidentes dos diferentes parlamentos autonómicos de España e, no seu nome a presidenta da Cámara galega e da COPREPA, Pilar Rojo, reivindicaron hoxe a “vixencia dos valores que representa a nosa vella Europa milenaria que, en palabras de Goethe, se fixo peregrinando a Compostela”.

No transcurso dun encontro que os participantes no Plenario da COPREPA mantiveron esta tarde co alcalde de Santiago de Compostela, Xerardo Conde Roa, a presidenta do Parlamento de Galicia  falou de “valores permanentes e universais” como o respecto aos dereitos humanos, a diversidade nas súas diferentes manifestacións –ideoloxía, relixión, procedencia xeográfica ou xénero-, a integridade da persoa, o esforzo individual ou a cooperación desinteresada na busca do ben común.

A titular do lexislativo galego tivo tamén palabras de agradecemento para o alcalde de Santiago, pola acollida brindada aos participantes no Plenario da COPREPA, unha actitude  que, a xuízo de Pilar Rojo, “pon de manifesto o aprecio e a lealdade” que a Conde Roa lle merece unha Cámara da que formou parte durante catro lexislaturas.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina