• A presidenta do Parlamento de Galicia explicou o seu plan de traballo nunha reunión do comité permanente da CALRE celebrado esta tarde na capital comunitaria
• Rojo reunise co presidente do Parlamento Europeo, Martin Schulz, ao que expresou a vontade de colaboración e a lealdade institucional da Cámara galega
• Tamén se reuniu cos eurodiputados galegos
Bruxelas, 20 de marzo de 2012.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, participou hoxe en Bruxelas, na sede do Comité das Rexións, nunha reunión do Comité Permanente da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa (CALRE), onde presentou un informe do grupo de traballo sobre “Modelos Institucionais Rexionais-Democracia Rexional”, asumido recentemente pola Cámara galega.
O grupo de traballo que coordinará Pilar Rojo contará tamén coa participación dos presidentes dos parlamentos de Murcia, Venetto, País Vasco, Sardegna, Abruzzo e Valle D´Aosta.
A instancias do presidente da asemblea lexislativa de Abruzzo, este grupo de traballo ocuparase, entre outros proxectos, de poñer en marcha o proxecto denominado “Twin a region”, (Irmanamento cunha rexión), en colaboración co Congreso de Poderes Locais e Rexionais do Consello de Europa.
Incrementar a eficiencia e a eficacia das institucións
A través deste proxecto, a CALRE busca reforzar a Europa das rexións e facilitar o intercambio de experiencias entre os diferentes modelos europeos co obxecto de acadar unha maior eficiencia e eficacia nas diferentes institucións.
O amplo abano de modelos institucionais que se poden comparar no seo da CALRE (integrada por asambleas lexislativas de 74 rexións europeas de 8 países diferentes da UE) e do Congreso de Poderes Locais e Rexionais do Consello de Europa (con 318 membros, pertencentes a 47 países) facilita unha visión global dos distintos modelos de xestión e permitirá efectuar unha revisión comparada de procedementos e estructura institucional.
A reunión do Comité Permanente da CALRE foi presidida polo titular da Asemblea de Extremadura e da CALRE, Fernando Manzano.
Fondos europeos e estaleiros
Despois da reunión do Comité Permanente da CALRE, Pilar Rojo, que ata hai dúas semanas presidiu a COPREPA, e Fernando Manzano mantiveron unha reunión co presidente do Parlamento Europeo, Martin Schulz, na sede da institución.
Durante a entrevista, Pilar Rojo reiterou ao titular da Eurocámara a vontade de colaboración e a lealdade institucional do Parlamento de Galicia e explicoulle que a Cámara galega está a aplicar con especial interese o principio de subsidiariedade na toma de decisións polo Parlamento Europeo.
Reunión cos eurodiputados galegos
Pola mañá, Pilar Rojo mantivo, na sede do Parlamento Europeo, unha reunión cos eurodeputados galegos, na que tomaron parte Carmen Fraga, Francisco Millán Mon, Antolín Sánchez Presedo e Ana Miranda.
Durante a súa visita a Bruselas, a presidenta do Parlamento de Galicia estivo acompañada pola directora da Oficina da Fundación Galicia-Europa en Bruxelas, Ana Ramos, e polo eurodiputado galego Francisco Millán Mon.