06/02/2025
Santalices destaca o talento creativo e o indiscutible selo galego reflectidos nas viñetas de Siro Lopez
Santiago, 6 de febreiro de 2025.- O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, inaugurou hoxe a exposición 40 anos de Autonomía de Galicia nas caricaturas de Siro na que se integra unha escolma dos case 1.600 orixinais doados polo autor ao Lexislativo autonómico e que foron publicados no xornal La Voz de Galicia case a diario durante máis de vinte anos.
Na súa intervención, o xefe do Lexislativo autonómico destacou o talento creativo e retranca coa que Siro López comentaba a actualidade converténdose en digno herdeiro dunha extensa nómina de artistas de indiscutible selo galego.
Santalices relacionou as viñetas que forman parte da exposición cun xénero xornalístico por si propias, nas cales o seu autor emprega a caricatura para deseñar a actualidade, do mesmo modo en que o faría un articulista na súa columna de opinión.
Exposición
A mostra, que conta coa colaboración do Parlamento de Galicia, La Voz de Galicia e Afundación, reúne unha selección de 230 viñetas políticas nas que se lembran varios momentos de transcendencia
política en Galicia e os seus protagonistas xunto coas páxinas do xornal no que apareceron publicadas. Exporanse ademais pezas relativas á primeira lexislatura autonómica e unha ducia de debuxos inéditos sobre os últimos anos da política galega.
A exposición quedará aberta ao público na Sede Afundación da Coruña ata o vindeiro 15 de marzo, de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 h, e os sábados e festivos, de 12.00 h. a 14.00 h. e de 17.30 h. a 20.30 h.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.