04/09/2025
A exposición '40 anos de Autonomía de Galicia nas caricaturas de Siro' viaxa ata Lugo
Santiago, 4 de setembro de 2025.- O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, agradeceu hoxe en Lugo durante a inauguración da exposición 40 anos de Autonomía de Galicia nas caricaturas de Siro que o autor realizara unha nova doazón á Cámara galega, composta por 1.273 caricaturas, que así amplía a cifra total ata chegar ás case 3.000.
A exposición integra unha escolma dos debuxos doados polo artista e que foron publicados no xornal La Voz de Galicia case a diario durante máis de vinte anos.
Na súa intervención, o xefe do Lexislativo autonómico destacou a creatividade, ironía e retranca coa que Siro López comentaba a actualidade política converténdose nun artista multidisciplinar con estilo propio e unha ampla traxectoria no ámbito da caricatura xornalística.
Exposición
A mostra reúne unha selección de 230 viñetas nas que se fai un percorrido por diferentes etapas transcendentais da historia política galega e os seus protagonistas xunto coas páxinas do xornal no que apareceron publicadas.
A exposición quedará aberta ao público na Sede Afundación de Lugo ata o vindeiro 11 de outubro, de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h, e os sábados de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 19.00 h.
Saúdos, Gabinete de Comunicación