03/10/2025
Santalices celebra a continuidade da Bienal Pintor Laxeiro, que se consolida en Lalín
Santiago, 3 de outubro de 2025. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, inaugurou na tarde de hoxe o XVII Bienal Pintor Laxeiro e salientou a figura do pintor, coa que se reforza o protagonismo que ten Lalín como referencia imprescindible para a arte galega contemporánea.
Santalices amosou o seu agradecemento ao alcalde e ao seu equipo por crear a primeira bienal no ano 1993 e por lle dar continuidade ata a actualidade. Este evento cultural lévase realizando cada dous anos en Lalín e ten como obxectivo fomentar as artes plásticas e promover a figura de Laxeiro.
No seu discurso, o presidente da Cámara galega animou o público a visitar o Parlamento de Galicia para coñecer a colección de arte que se atopa na casa de todos os galegos e galegas e que acolle «as mellores mostras da produción artística galega do século XX e de comezos do XXI». A colección conta con obras do propio Laxeiro, como, por exemplo, as vidreiras que o artista lalinense deseñou especificamente para a sede do poder lexislativo galego.
Esta bienal, baixo o título Paisaxe e Sombra, permite ao público percorrer e sentir a herdanza do pintor Laxeiro a través das obras de diversos artistas, como as de Quintana Martelo, Mónica Alonso (Lugo), Bosco Caride (Vigo), Alfonso Galván (Madrid), Francisco Leiro (Cambados), Concha Martínez Barreto (Murcia), Jorge Martins (Lisboa), Teresa Moro (Madrid), Susanne Thelmitz (Lisboa), Carmen van der Lynden (Madrid) ou Elena Colmeiro(Silleda).
Saúdos, Gabinete de Comunicación