08/11/2025
Santalices celebra o compromiso para impulsar o uso do galego nos camposantos e actos fúnebres
Santiago, 8 de novembro de 2025.- O presidente da Cámara autonómica, Miguel Ángel Santalices Vieira, celebrou hoxe no acto conmemorativo do Día da Restauración da Memoria Lingüística, promovido pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG), que se asinase unha declaración que compromete a institucións públicas e relixiosas coa divulgación e promoción da lingua galega en espazos coma cemiterios e actos fúnebres.
Para o xefe do Lexislativo autonómico, “esta declaración contribúe a avanzar no bo camiño", xa que permite ocupar lugares nos que non é habitual o emprego do galego, axudando así a acadar a normalización da lingua noutros ámbitos. Ademais, trátase dunha iniciativa que galeguiza as lápidas das persoas “que sempre viviron en galego e defenderon a lingua que nos identifica como pobo".
Na súa intervención, Santalices agradeceulle á AFNLG, ao Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA)e ao resto de institucións implicadas (Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, Concello de Bande e as igrexas Católica e Evanxélica), o seu traballo polo acordo acadado e o seu compromiso co galego.
Saúdos, Gabinete de Comunicación