• O Parlamento de Galicia acolle este domingo o certame rexional do Parlamento Europeo da Xuventude (European Youth Parliament –EYP) coa participación de alumnado de seis centros galegos
• A oratoria constitúe unha ferramenta fundamental para o éxito persoal e profesional”, apuntou Santalices
Santiago, 18 de febreiro de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, inaugurou esta mañá a sesión rexional do Parlamento Europeo da Xuventude (European Youth Parliament –EYP), unha iniciativa de debate que nesta ocasión conta coa participación de alumnado de 4ª de ESO e 1º de Bacharelato de seis centros da Comunidade Autónoma.
Na súa intervención, Santalices agradeceu aos organizadores ter elixido o Parlamento de Galicia para a celebración deste certame, que contribúe a resaltar o valor da democracia parlamentaria, unha forma de goberno baseada no “respecto aos dereitos individuais e colectivos, a liberdade, a pluralidade, o sometemento ao imperio da lei e tantas outras garantías e dereitos legais que fóra da democracia non existen”.
Abrir as portas do Parlamento
Agregou tamén que o Lexislativo galego está empeñado en abrir as súas portas “para que as galegas e galegos nos coñezan un pouco mellor e, se cadra, como seguramente sucederá hoxe, achegar ideas que contribúan a facer máis útil o traballo parlamentario”.
A xuízo do presidente da Cámara, iniciativas como o Parlamento Europeo da Xuventude poñen de manifesto a preocupación da sociedade por recuperar a calidade da oratoria.
Centrándose na realidade do parlamentarismo actual, Santalices Vieira apelou á responsabilidade do conxunto de deputadas e deputados á hora de recuperar o prestixio da institución lexislativa. Nesta liña, insistiu en que aínda que o parlamentarismo actual implica tamén “unha certa escenificación”, esta realidade “non pode conlevar xamais faltas de educación, non pode atentar contra o que denominamos decoro parlamentario. O debate parlamentario pode e mesmo debe ser duro en ocasións, pero sen faltarlle xamais ao respecto a ninguén”.
Da súa experiencia como deputado, e dado que o de hoxe é un certame de oratoria, o presidente da Cámara amosouse convencido de que “a improvisación non sempre é unha boa aliada” á hora de articular un discurso.
Sinalou que Winston Churchil, considerado un dos mellores oradores de todos os tempos, “elaboraba concienzudamente os seus discursos”, demostrando que “as palabras non só serven para suscitar entusiasmo entre os afíns, convencer a quen pensa diferente ou gañar batallas parlamentarias, senón tamén para elevar a moral da sociedade”, como sucedeu no Reino Unido durante a II Guerra Mundial.
“A oratoria –apuntou o presidente do Parlamento- constitúe unha ferramenta fundamental para o éxito persoal e profesional. Sempre o foi, pero moito máis nos nosos días”.
O valor da formación
Santalices Vieira animou ao estudantado presente no Hemiciclo a esforzarse durante a etapa formativa na que están inmersos para asegurarse un futuro de éxito. “Unha boa formación académica –dixo- resulta esencial tamén para dominar a oratoria, do mesmo xeito que a integridade e a coherencia persoal incrementan a capacidade de persuasión dun discurso, na medida en que crer no que dicimos e dicir o que pensamos aumenta exponencialmente a credibilidade de quen fai uso da palabra”.
O alumnado participante neste certame do Parlamento Europeo da Xuventude cursa 4º de ESO e 1º de Bacharelato nos seguintes centros: Colexio Manuel Peleteiro (Santiago de Compostela), Colexio Plurilingüe de Fomento Las Acacias (Vigo), Colexio de Fomento Montespiño (A Coruña), IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), IES Eduardo Blanco Amor (Ourense), e Colexio Santa María del Mar (A Coruña). O proceso de selección do alumnado e centros participantes correu a cargo da organización da competición, impulsada pola Fundación Schwarzkopf.