saltar ao contido

Unha delegación estadounidense que conmemora o Bosque de Colón visita o Parlamento de Galicia

Visita 13/04/2018

Santiago, 13 de abril de 2018.- Unha delegación estadounidense, encabezada polo profesor John Harmon McElroy, artífice da plantación do denominado Bosque de Colón, en Poio, visitou este mediodía o Parlamento de Galicia, un cuarto de século despois de aquela iniciativa concibida ao abeiro da conmemoración do 500 aniversario do descubrimento de América.
 
A delegación foi recibida polo titular do Lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices Vieira, que lles explicou a historia e o funcionamento do Parlamento. A visita rematou cunha fotografía de familia no Salón de Plenos.
 
John Harmon McElroy, un xove profesor de Literatura que en 1968 chegou á Universidade de Salamanca como beneficiario dunha beca Fulbright para preparar unha edición comentada dun libro sobre Criostóbal Colón, visitou Galicia coa súa familia en 1969.
 
Naquela viaxe, o profesor observou que o clima de Galicia presentaba similitudes co do Norte de California, feito que o levou a plantexar, dúas décadas máis tarde, a idea de plantar 500 secuoias no sur da Comunidade, onde se recibiran as primeiras noticias do descubrimento e onde varias fontes que consultara durante as súas investigacións situaban a orixe de Cristóbal Colón.
 
Xa a finais de 1992, unha expedición de 24 escolares de 6 estados americanos, de entre 15 e 18 anos, plantaron as secuoias en Poio canda outros tantos mozos designados por ese concello pontevedrés e pola Comunidade de Montes de San Xoán de Poio, que cedeu o terreo no que hoxe se asenta o denominado Bosque de Colón.
 
O profesor McElroy ten declarado que o Bosque de Colón é a obra “da que máis orgulloso se sente” e agora, 25 anos despois, volve a Galicia para visitalo, acompañado pola súa familia e algúns dos estudantes que participaron na plantación  en decembro de 1992.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina