saltar ao contido

Santalices: “O Parlamento non é dos deputados, é da xente”

´Pregón da XXVI Feira do Queixo na Ulloa 29/04/2018

 
• O presidente do Parlamento de Galicia pronunciou este mediodía o pregón da XXVI Feira do Queixo na Ulloa, Produtos de Calidade e Turismo Sostible
 
• Santalices congratúlase dos avances rexistrados no agro e recorda que “atrás quedou aquela vida de esforzo e de penurias nunca suficientemente recoñecida, sobre todo paras as mulleres, as auténticas heroínas da Ulloa e de Galicia enteira”
 
• “Como galego e como médico recomendo sempre os nosos queixos. Son un alimento único”

 
Santiago, 29 de abril de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, pronunciou este mediodía en Palas de Rei o pregón da XXVI Feira do Queixo na Ulloa, Productos de Calidade e Turismo Sostible, onde enxalzou as características desta comarca e animou a consumir queixo do país.
 
Recordou Santalices a pelerinaxe efectuada por Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey no verán de 1927 entre Ourense e San Andrés de Teixido, un percorrido a pé que levaría a Otero a destacar a “fartura” e as “boas terras” da comarca da Ulloa, con “montañas esgrevias” que “teñen moitas veces máis zume vital que os vales farturentos”.
 
Despensa farturenta
 
Para Santalices, esta comarca é unha “terra privilexiada polos tesouros ambientais e monumentais que acubilla”, pero tamén “unha despensa farturenta” que destaca pola calidade de produtos como a carne ou o queixo, cunha “fama que traspasa fronteiras”.
 
Referiuse Santalices o modo de vida tradicional, “unha vida dura, heroica, que aínda hoxe recordamos, nalgúns casos idealizada, pero que case ninguén quere que volva”. A xuízo do presidente do Parlamento, nas pasadas décadas, “Galicia mudou moito, e foi en boa parte grazas ao ingreso de España en Europa, unha Europa que aquí resultaba familiar pola Ruta Xacobea”. Ese avance, traduciuse, como sinalou o pregoeiro, nunha mellora da calidade de vida das persoas, e tamén da calidade, o control sanitario e as canles de comercialización de productos locais como o queixo da Ulloa.
 
Legado centenario
 
“Atrás quedou aquela vida de esforzo e de penurias nunca suficientemente recoñecida, sobre todo para as mulleres, as auténticas heroínas da Ulloa e de Galicia enteira”, subliñou o presidente do Parlamento.  Ás mulleres da Ulloa, “as verdadeiras artífices  da feira que hoxe celebramos”, Santalices rendeu homenaxe.
 
“Foron as mulleres, as queixeiras de onte e de hoxe –dixo-, as que perpetuaron e transmitiron os saberes centenarios relacionados coa elaboración do queixo, un dos máis apreciados polos consumidores. E iso nunca é froito da casualidade, senón do traballo calado e do saber facer legado xeración tras xeración”.
 
Sobre o produto enxalzado nesta feira, Santalices apuntou que “como galego, e como médico, recomendo sempre os nosos queixos. Son un alimento único, apto para case calquera persoa”.
 
“O Parlamento é da xente”
 
O titular do Lexislativo galego aproveitou o seu pregón para convidar aos asistentes a coñecer e visitar o Parlamento de Galicia. “As nosas portas están sempre abertas e estaremos encantados de recibilos. Porque o Parlamento non é noso, non é dos deputados. É da xente. De todas e todos vostedes. Por iso deben coñecelo”.
 
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina