• O presidente do Parlamento felicita aos galardoados e anima a axencias e a anunciantes a utilizar o galego na publicidade
• Resultaron galardoados cinco traballos nas categorías de radio, televisión, internet, prensa escrita e centro educativo
Santiago, 9 de decembro de 2019.- O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía o acto de entrega da XXVI edición dos Premios de Publicidade en Galego, convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta coa colaboración da Cámara galega e do Foro Enrique Peinador, con cinco categorías.
O acto foi presidido polo titular do Lexislativo galego, que recordou a importancia da publicidade nos tempos actuais. “Galicia –afirmou- ofrece moitos e moi bos produtos e servizos, aínda que nunha sociedade globalizada, practicamente sen fronteiras económicas, poucas ou ningunha empresa pode prescindir da publicidade para darse a coñecer e potenciar a súa facturación”. Considerou “lóxico” que tanto o idioma, como os recursos endóxenos de Galicia, estean presentes na publicidade que se fai en Galicia, como acontece nos anuncios galardoados nesta convocatoria.
Santalices felicitou a anunciantes e axencias “pola excelencia acadada nos produtos anunciados, e tamén pola decisión de facelo en galego, coa seguridade de que esta aposta será recompensada polos consumidores”. Puxo tamén de manifesto o “notable talento creativo” das axencias publicitarias galegas, “en pé de igualdade con calquera outra comunidade ou territorio”.
O presidente do Parlamento de Galicia felicitou expresamente ao IES de Leixa, gañador na categoría de centro educativo co traballo titulado Stop-Bullyng, unha iniciativa que, na súa opinión, “demostra que a nosa mocidade non só será a xeración mellor formada de todos os tempos, senón que esa capacitación profesional vai acompañada dunha sensibilización en valores humanos, clave para construír unha Galicia mellor que a actual”.
Premios
Na categoría de radio resultou gañador o traballo titulado “Benvidos Novos Larseiros!”, da empresa Larsa e a axencia BAP Conde.
En televisión, o premio recaeu no traballo “Martín Códax, Fillo do Atlántico”da empresa Martín Códax e a axencia &Rosás.
O premio da categoría internet foi para o traballo titulado “Queixos HOXE”, da Cooperativa HOXE e a axencia Pío García Audiovisuais, S.L.
Na categoría de prensa escrita, o recoñecemento foi para o traballo “Martín Códax, Fillo do Atlántico”, da empresa Martín Códax e a axencia &Rosás.
Dentro da categoría centro educativo, resultou premiado o traballo “Stop_Bullyng”, do IES Leixa.
O presidente do Parlamento foi precedido no uso da palabra polo presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González, e polo secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.