saltar ao contido

A presidenta da Liga Reumatolóxica Galega explica a Santalices as liñas de traballo da entidade

Concienciación 30/10/2020

 
• Relataron os problemas destes enfermos na súa vida diaria e convidaron ao presidente do Parlamento a simular, cunha férula, as dificultades derivadas da rixidez articular
 
Santiago, 30 de outubro de 2020.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, entrevistouse esta mañá con Ana Isabel Vázquez Lojo, presidenta da Liga Reumatolóxica Galega, que, acompañada por outros integrantes da entidade, lle explicou as diferentes liñas de traballo que impulsa esta entidade e as dificultades cotiás destes enfermos.
 
Para explicar mellor estes problemas, convidaron ao presidente do Parlamento a comprobar en primeira persoa as dificultades que implica a rixidez articular na vida cotiá. Accións como tomar un café ou escribir entrañan unha enorme dificultade para moitas das persoas afectadas pola rixidez articular.
 
Durante o encontro, que se celebra na recta final da campaña “Outubro, mes das enfermidades reumáticas”, o presidente do Parlamento reiterou o seu apoio a esta e ás restantes organizacións que apoian ás persoas afectadas por patoloxías reumáticas. Santalices ofreceu a Vázquez Lojo a dispoñibilidade do Parlamento de Galicia para colaborar na organización de actividades de concienciación sobre as patoloxías reumatolóxicas na sede do Lexislativo galego.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina