22/06/2023
Santiago, 21 de xuño de 2023.- O Parlamento de Galicia inaugurou esta tarde, na sede Afundación de Ourense, a exposición A Nosa Arte, conformada por unha escolma de 37 obras da colección artística da Cámara autonómica.
No acto inaugural, o titular do Lexislativo galego recordou que a colección de arte do Parlamento está integrada por máis de 300 pezas a maioría en propiedade, aínda que tamén conta con obras cedidas, que “pertencen á totalidade das galegas e galegos".
Para Santalices, trátase dunha “visita obrigada polo especial peso de Ourense na conformación da cultura galega na medida en que aquí naceron e traballaron moitos dos grades persoeiros das nosas letras e da nosa arte".
Abrir as institucións
Santalices explicou que así como as deputadas e deputados desenvolven parte do seu traballo nas circunscricións electorais polas que resultaron elixidos, “tamén a institución parlamentaria está obrigada a buscar o contacto coa xente". Amosouse convencido de que “as institucións estáticas, inmóbiles e pechadas son cousa do pasado. Peor nos irá canto máis tardemos en decatarnos e actuar en consecuencia".
Nesta filosofía enmarcou a organización desta exposición itinerante, a primeira destas características integrada en exclusiva por pezas da Cámara. Xa se amosou en Vigo e Ferrol e despois de Ourense visitará Lugo, A Coruña e Pontevedra, rotando trimestralmente.
A itinerancia da exposición “responde e fai visible o compromiso da primeira institución de Galicia co conxunto do territorio ao que serve, sexa no litoral ou no interior, na mariña ou na montaña, no urbano ou no rural, unha realidade poliédrica que temos a obriga de ter presente, respectando sempre a súa diversidade", afirmou Santalices Vieira.
Agradecemento
O presidente do Parlamento tivo palabras de agradecemento para a Xunta de Galicia, que colabora na organización desta mostra; e para Afundación, que cede as súas sedes nas cidades galegas, como fixera anteriormente con outras actividades impulsadas pola Cámara.
Agradeceu o traballo da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, que colaborou na catalogación e musealización da colección e o seguirá a facer emitindo informe previo e vinculante en relación coa adquisición de calquera nova obra de arte por parte do Parlamento. O comisariado da mostra corre a cargo da Real Academia de Belas Artes a través de tres dos seus académicos: María Victoria Carballo-Calero, Felipe-Senén López Gómez e José Carlos Valle Pérez.
A xuízo de Santalices, “a Galicia contemporánea, e a nosa autonomía" son tributarias da Xeración Nós, polo seu exemplo e inspiración. Na súa opinión, “un século despois, as e os artistas galegos acreditan, pola vía dos feitos, co seu traballo, que son dignos sucesores daqueles mestres que inzaron Galicia de talento, de orgullo, de espírito de superación e dun cosmopolitismo que tanto precisabamos".
O acto contou tamén coas intervencións de Xosé Carlos Caneiro Pérez, vicepresidente de Afundación; María Victoria Carballo-Calero, en representación dos comisarios; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; e o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez González.
A exposición inaugurada esta tarde en Ourense poderá visitarse ata o 21 de xullo, e tamén do 1 de setembro ao 21 de outubro na sede Afundación (Praza da Constitución, s/n), de luns a venres (excepto festivos) de 17,30 a 20,30 h. Os sábados, domingos e festivos as visitas serán de 11,00 a 14,00 e de 17,30 a 20,30 h.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.