27/06/2023
Santiago, 23 de xuño de 2023.- O Salón de Plenos da Cámara galega acolleu este venres a final da décimo cuarta edición de Parlamento Xove, un certame de oratoria organizado pola Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta.
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, confesou que a final de Parlamento Xove é unha cita agardada con interese, na medida en que “permítemos comprobar, con enorme satisfacción, as crecentes habilidades dialécticas da mocidade galega, a agudeza das súas reflexións, a curiosidade intelectual e a capacidade de procura de datos cos que enriquecer a argumentación".
Para Santalices, as intervencións escoitadas hoxe no Parlamento poñen de manifesto algunhas das características da mocidade galega: “sensata, con sede de coñecemento e impregnada de valores humanos".
No acto de clausura, o presidente do Parlamento foi precedido no uso da palabra pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta, Cristina Pichel. A entrega de premios contou coa participación de representantes dos tres grupos parlamentarios da Cámara.
Previamente, a primeira hora da mañá, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, acompañado pola conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e polo titular do Parlamento de Galicia, saudou aos participantes en Parlamento Xove 2023.
Premios
Universidade
- Equipo: Campus Santiago de Compostela, equipo 2
Bacharelato
- Equipo: IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo)
ESO
- Equipo: IES Rafael Puga Ramón, equipo 2 ( A Coruña)
Saúdos, Gabinete de Comunicación.