saltar ao contido

Santalices, na Ofrenda da Translación : “Pedimos a paz e pedimos pola paz”

18/01/2024

 

  • O presidente do Parlamento de Galicia exerceu como delegado rexio na Ofrenda da Translación celebrada esta mañá na Catedral de Santiago

 

  • Expresa a súa “homenaxe e recoñecemento ás mulleres galegas de todos os tempos" e comparte un “berro de desesperación fronte ás cifras estarrecedoras da violencia contra a muller"

 

  • “Pedimos o respecto á legalidade nacional e internacional, cos dereitos humanos -tamén os da infancia- como guía permanente; e a paz entre os pobos como horizonte vital inmediato"

     
  • “Sentir a protección efectiva do Estado de benestar é un dereito de todas as persoas e, ao tempo, un deber ineludible para o conxunto dos poderes públicos"

     
  • “Aspiramos a continuar vivindo nun país de persoas iguais: iguais ante a lei; iguais en dereitos e deberes; e iguais no acceso aos servizos públicos que nos corresponden por dereito e por xustiza, con independencia do territorio no que resida cada un"

     
  • Reivindica o espírito da Constitución, “artífice da etapa de maior estabilidade, crecemento e benestar de toda a nosa historia; pero tamén garante da autonomía política que xestionamos"

     
  • Para a intelixencia artificial pide “normas e regulacións que aseguren o seu absoluto sometemento á lei, de maneira que resulte unha ferramenta ética sempre ao servizo das persoas, xamais para dominalas"

 

 

 

Santiago, 30 de decembro de 2023.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, presentou esta mañá, na Catedral de Santiago, en nome do Rei, a tradicional Ofrenda da Traslación. “Pedimos a paz e pedimos pola paz sempre, tamén neste día", subliñou Santalices nunha intervención que fixo referencia a diferentes cuestións de actualidade.

 

O titular do Lexislativo galego agradeceu a delegación efectuada polo monarca  e a liberdade que lle confire para efectuar esta ofrenda que remonta as súas orixes a 1646, unha tradición “compatible cos cambios propios de calquera sociedade en transformación".

 

Para o Rei de España, Santalices invocou a protección do Apóstolo Santiago, “de maneira que continúe desempeñando o seu cometido con acerto, neutralidade e rectitude" no exercicio das funcións que a Constitución lle atribúe.

 

Referíndose ao feito xacobeo, Santalices recordou que “Galicia e Santiago avivan decote unha tradición milenaria que transforma, para ben e para sempre, a cantas persoas viven a experiencia do Camiño".

 

Falou Santalices dun mundo de “turbulencias acentuadas" no que “cómpre facer un chamamento á responsabilidade, á tolerancia, á solidariedade, ao respecto e á altura de miras".

 

Legado da emigración galega

 

Recordou o “inmenso legado da emigración galega, unha xesta de proporcións planetarias, sempre presente na nosa memoria", ao tempo que trasladou a súa “homenaxe e recoñecemento ás mulleres galegas de todos os tempos, sobre as que pivota a forza da nosa terra, na Galicia territorial e na Galicia universal". Canda esta homenaxe, compartiu o oferente un “berro de desesperación fronte ás cifras estarrecedoras dun drama aínda presente, a violencia contra a muller, que nos encolle o corazón".

 

Os diferentes conflitos bélicos que se libran na actualidade centraron boa parte da ofrenda presentada polo presidente do Parlamento de Galicia, que advertiu do risco de que as reiteradas imaxes dos conflitos conduza a un clima de insensibilidade e indiferenza social. “O brutal ataque terrorista de Hamás contra Israel desencadeou un enfrontamento que ensombreceu a guerra que se libra en Ucraína desde hai preto de dous anos contra unha invasión inxusta e contraria ao dereito internacional. E así sucesivamente", aseverou.

 

“O mundo libre -agregou Santalices- non pode permitir que o terrorismo nin cantos actúan de costas ao dereito internacional poñan en risco os  principios que sustentan as sociedades democráticas nas que vivimos. Solidariedade, pois, e afecto sincero para todas as vítimas dos conflitos bélicos, tamén para o pobo palestino, refén de Hamás e vítima colateral desta escalada de violencia. Cómpre extremar as precaucións para protexer á poboación civil".

 

Os dereitos humanos como guía

 

Por iso -agregou Santalices-, “pedimos o respecto á legalidade nacional e internacional, cos dereitos humanos -tamén os da infancia- como guía permanente; e a paz entre os pobos como horizonte vital inmediato".

 

Para as persoas, empresas, institucións e organizacións de calquera índole “anhelamos altura de miras -deber inescusable para cantos desempeñamos responsabilidades públicas- para que a busca do ben común e a construción dunha sociedade máis equitativa se antepoña a calquera outro obxectivo, superando diferenzas ideolóxicas ou calquera outro desacordo que atente contra os intereses da xente".

 

Estado de benestar

 

A xuízo de Santalices, “sentir a protección efectiva do Estado de benestar é un dereito de todas as persoas e, ao tempo, un deber ineludible para o conxunto dos poderes públicos".

 

Agregou o oferente que “aspiramos a continuar vivindo nun país de persoas iguais: iguais ante a lei; iguais en dereitos e deberes; e iguais no acceso aos servizos públicos que nos corresponden por dereito e por xustiza, con independencia do territorio no que resida cada un".

 

Reivindicou o espírito da Constitución vixente, “artífice da etapa de maior estabilidade, crecemento e benestar de toda a nosa historia; pero tamén garante do modelo de autonomía política que xestionamos -tamén en Galicia, con razoable éxito, compatible co marco estatal e europeo que nos acubilla".

 

“Pedimos tolerancia -agregou- para garantir a convivencia armónica de persoas e grupos sociais diversos, con independencia da súa ideoloxía, relixión, xénero, orientación sexual ou orixe xeográfica".

 

Intelixencia artificial ao servizo das persoas

 

Na súa ofrenda -respondida polo arcebispo de Santiago durante a cerimonia- o delegado rexio fíxose eco da expansión da intelixencia artificial, “unha realidade que chegou para quedarse, pero que precisa de normas e regulacións que aseguren o seu absoluto sometemento á lei, de maneira que resulte unha ferramenta ética sempre ao servizo das persoas, xamais para dominalas".

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.​​


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina