saltar ao contido

O Parlamento aplicará no próximo Pleno os criterios de ordenación de acceso do público


Santiago, 7 de febreiro de 2013.- Logo de valorar as opinións dos distintos portavoces parlamentarios, “e desde o convencemento de que todos buscamos o mellor funcionamento da Cámara”, a presidenta do Parlamento de Galicia aplicará no vindeiro Pleno os criterios de ordenación do acceso de público á tribuna, que xa coñecen os grupos e que se axunta en documento anexo.
 
O Parlamento de Galicia quere facer as seguintes consideracións:
 
• Estes criterios non supoñen a aplicación de novas normas.
 
• O documento pon por escrito os criterios que xa se estaban a aplicar por acordo verbal  e, polo  tanto, busca transparentar as normas que aplica a Presidencia da Cámara en relación coas atribucións que lle outorga o Regulamento do Parlamento de Galicia.
 
• A sinatura polos invitados da información que se lles proporcione á entrada do Hemiciclo –e que se viña entregando xa desde a 4ª Lexislatura-  garántelles o coñecemento das normas que rexen a orde na tribuna de convidados.
 
“En definitiva, trátase de que entre todos sexamos capaces de garantir o normal funcionamento da Cámara”, conclúe Pilar Rojo.
 

Criterios de ordenación do acceso de público as tribunas
 
1.- O grupo parlamentario é responsable de dar cumprida información aos seus invitados do previsto no Regulamento respecto da orde dentro do recinto parlamentario.
 
2.- Para o seu acceso ao salón de Plenos os invitados deberán asinar o escrito que se lles proporciona á entrada da tribuna no que constan os deberes do público previstos no Regulamento.
 
3.- No suposto de que o invitado non asine poderá seguir  a sesión plenaria dende o espazo do grupo parlamentario.
 
4.- No caso de expulsión do salón de sesións por desorde nas tribunas os invitados expulsados non poderán asistir á Cámara durante o período de sesións ou tempo equivalente, sen prexuízo doutras consecuencias previstas no regulamento. So poderán acceder aos locais dos grupos parlamentarios, previa invitación polos mesmos.
 
5.- No caso de expulsión do salón de sesións por desorde nas tribunas, o grupo parlamentario que invitou aos expulsados deberá deixar transcorrer un pleno para poder propoñer invitados. En caso de reincidencia perderase o cupo como mínimo para un período de sesións ou tempo equivalente.
 
6.- Os invitados deben absterse de portar pancartas, estandartes ou emblemas de todo tipo que conteñan mensaxes que non respecten o comportamento previsto no artigo 109 do regulamento para os invitados.
 
7.- No caso de alteración da orde os servizos de seguridade remitirán testemuña dos feitos á Mesa para o seu traslado á autoridade xudicial.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina