saltar ao contido

Diego Calvo: “Todos os días son propicios para chamar a atención e reflexionar sobre a situación e necesidades da infancia”

• O Pazo do Hórreo acolleu o IV Foro de Participación Infantil Parlamento de Galicia-UNICEF no que o vicepresidente da Cámara chama a atención sobre a “realidade descarnada que, por desgraza, protagonizan de cote milleiros de nenas e nenos de todo mundo

Santiago, 2 de decembro de 2016.- “Se ben este pleno infantil se celebra una vez ao ano, todos os días son propicios para chamar a atención e para reflexionar sobre a situación e sobre as necesidades da infancia, especialmente sobre aquelas nenas e nenos que se atopan en situacións de maior vulnerabilidade e respecto aos que –quenes vivimos nunha situación acomodada, o denominado primeiro mundo- temos contraída unha obriga moral de atención e colaboración, que ben se pode canalizar a través de UNICEF ou de calquera outra ONG que traballe neste ámbito”. Son palabras do vicepresidente primeiro da Cámara galega, Diego Calvo Pouso, no IV Foro Infantil Parlamento de Galicia-UNICEF, no ano no que se celebra o 27 aniversario da Convención sobre os Dereitos do Neno.
 
Neste Pleno Infantil participaron arredor de 80 estudantes de 1º de ESO de catro centros compostelanos: IES Antonio Fraguas, Colexio La Salle, Colexio Santa Apolonia e Colexio Manuel Peleteiro. Con anterioridade, os centros participantes foron convidados a traballar e reflexionar sobre a infancia migrante e refuxiada.
 
Vítimas inocentes
 
Neste sentido, e tomando como referencia dúas imaxes que deron a volta ao mundo en datas recentes –a fotografía do neno kurdo de tres anos Aylan Kurdi, afogado nunha praia de Turquía en setembro de 2015;  e a do pequeno de cinco anos Omran Daqneesh, ferido en Alepo tras os bombardeos de agosto deste ano-, Diego Calvo puxo o foco nas “vítimas inocentes” da “realidade descarnada que, por desgraza, protagonizan de cote milleiros de nenas e nenos de todo mundo”.
 
Recordou que un recente informe de UNICEF cifra en case 50 millóns o número de nenos que viven actualmente fóra dos seus lugares de orixe. E, destes, 28 millóns tiveron que fuxir dos seus fogares por mor de conflitos e violencia.
 
“Non é agradable falar desta realidade, pero nada resolvemos ocultándoa ou eludíndoa, afirmou Calvo Pouso antes de agradecer o esforzo que desenvolve UNICEF. Afirmou que “urxe manter indefinidamente no tempo” a concienciación social respecto aos nenos que sofren, “máis aló dos aldabonazos  que para as nosas conciencias poda supoñer unha imaxe puntual difundida a través dos medios de comunicación”.
 
Os efectos do botellón
 
O vicepresidente do Parlamento de Galicia aproveitou a presenza dos participantes neste foro para chamar a atención sobre “algúns comportamentos que atentan contra a vosa saúde física e psicolóxica, como pode ser o botellón, tan de actualidade estes días en Galicia e en España”, unha práctica que evidencia o “pouco que valoramos a nosa propia vida e a maneira tan absurda coa que despediciamos o  máis valioso de canto posuímos”.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina