• Santalices Vieira destaca o traballo do profesor Gestal no ámbito da Saúde Pública e agradece “a súa docencia e a preocupación que tivo sempre por formarnos; nunca descansou nese traballo”
Santiago, 1 de abril de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este mediodía no acto de entrega do nomeamento como fillo predilecto de Muros e a imposición da medalla da vila ao profesor Juan Jesús Gestal Otero, natural desa localidade.
No acto, que tivo como escenario a Casa da Cultura de Muros, Santalices Vieira destacou a intensa traxectoria do Dr. Gestal Otero, catedrático emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago, na que foi decano da Facultade de Medicina.
O presidente do Parlamento felicitou á Corporación municipal de Muros pola distinción que hoxe foi entregada ao Dr. Gestal Otero, ao que Santalices lle agradeceu “a súa docencia e a preocupación que tivo sempre por formarnos; nunca descansou nese traballo”.
Importancia da saúde pública
Destacou tamén o presidente do Lexislativo galego a capacidade do profesor Gestal para transformar, a partir de 1978, a asignatura de Hixiene e Medicina Preventiva, unha materia “difícil e áspera”, nunha “asignatura amable”. “Grazas por inculcarnos a importancia da saúde pública”, continuou Santalices dirixíndose ao profesor Gestal Otero, do que tamén destacou a decisión “valente” de implantar a vacinación contra a meninxite, unha medida que “lle temos que agradecer” porque “evitou moitas mortes e moitas secuelas desa enfermidade”.
O titular da Cámara galega subliñou tamén o traballo do profesor Gestal para dotar a Santiago dunha nova Facultade de Medicina e valorou a “xenerosidade” coa que atendeu e orientou sempre as consultas ou problemas que se lle plantexaron, como “eu mesmo, desde o Parlamento”.
Santalices agradeceu, igualmente, os consellos recibidos do profesor Gestal á hora de orientar a súa carreira profesional cara a xestión sanitaria; e tamén a súa decidida aposta pola transferencia das competencias sanitarias á Comunidade Autónoma de Galicia, cando se plantexou esta posibilidade.
Mensaxe da presidenta do Congreso
Durante o acto, Santalices Vieira deu lectura a unha mensaxe da presidenta do Congreso dos Deputados Ana Pastor, que desculpou a súa asistencia ao acto e destacou a “vocación de servizo público” do homenaxeado.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.