Santiago, 23 de abril de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e a presidenta da Asociación a favor das Persoas con Discapacidade Intelectual da Provincia de Pontevedra (ASPANAEX), María Teresa Galisteo de la Fuente, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a realización de actividades de asesoramento e apoio á inserción laboral de persoas con discapacidade intelectual na Administración do Parlamento de Galicia.
O acordo enmárcase na aposta do Parlamento por contar coas achegas das principais entidades e organizacións que traballan no ámbito da discapacidade en Galicia para avanzar en materia de integración laboral.
Na actualidade está aberto o proceso de selección para cubrir unha praza de uxier do Parlamento de Galicia reservada para persoas que acrediten algunha discapacidade intelectual. Ademais, unha das oito bolsas para a formación práctica no Parlamento de Galicia, no actual exercicio de 2018, está reservada para persoas con discapacidade intelectual.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.