saltar ao contido

O Parlamento de Galicia recibe aos primeiros visitantes do programa semanal de portas abertas

 
• A partir de hoxe, calquera persoa que o desexe poderá visitar a sede do Lexislativo galego sen necesidade de inscrición previa todos os luns laborables do ano
 
• Santalices subliña o simbolismo das portas abertas: “Non queremos un Parlamento pechado, queremos un Parlamento aberto”
 
• A medida enmárcase na aposta do presidente da Cámara para dar visibilidade á institución e súmase ao programa de visitas guiadas e a “Coñece as túas institucións” dirixido ao estudantado

Santiago, 4 de xuño de 2018.- O Parlamento de Galicia recibiu esta mañá os primeiros visitantes que coñecen a sede do Lexislativo no marco do programa semanal de portas abertas que comeza hoxe. O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieiras, acompañado por portavoces e deputadas da Cámara recibiu esta mañá ás primeiras persoas que toman parte nesta iniciativa.
 
Deste xeito, todos os luns laborables do ano, o Parlamento habilitará tres quendas diarias de visitas, que darán comezo ás 10,00, ás 12,00 e ás 16,30h., nas que  poderá participar calquera persoa que o desexe, sen necesidade de solicitalo previamente, como sucede co programa de visitas guiadas.
 
Cada unha destas visitas durará arredor de unha hora e,  cando as condicións o permitan, poderán facerse coincidir nunha mesma quenda, persoas do programa de portas abertas con outras visitas concertadas con anterioridade. As explicacións ofreceranse en galego ou castelán, segundo caso; e en inglés cando así se demande.
 
O percorrido será o mesmo que o do programa de visitas guiadas. Dará comezo no Salón dos Reis e seguirá a través da Sala de Exposicións (onde se amosa un vídeo divulgativo, unha exposición sobre a composición e funcións do Parlamento e unha maqueta do edificio), bibliotecas,  salas de reunión, Sala das Letras Galegas e Salón de Plenos.
 
Achegar o parlamento á cidadanía
Ao dar a benvida ás persoas que participaron na primeira quenda das portas abertas deste luns, o presidente do Parlamento explicou que esta medida se enmarca na aposta da Cámara por abrir a institución á cidadanía.
 
Santalices destacou o simbolismo desta medida porque, dixo, “non queremos un Parlamento pechado, queremos un Parlamento aberto”.
 
Animou tamén ás persoas visitantes a converterse en “aliados” do Parlamento para dar a coñecer esta experiencia, que tamén permite aos visitantes coñecer a colección de arte do Parlamento, “a mellor colección de arte contemporánea pública, feita con moito esforzo e que é patrimonio de todas as galegas e galegos”.
 
A iniciativa de portas abertas súmase a outras medidas xa en marcha, como o programa de visitas guiadas (operativo de luns a venres, con inscrición previa), ou “Coñece as túas institucións”, impulsado polo Parlamento e pola Xunta para que alumado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO de centros públicos poda coñecer as sedes das poderes Lexislativo e Executivo de Galicia. Neste caso, Xunta e Parlamento asumen os gastos de desprazamento dos estudantes.
 
Paralelamente, un convenio entre o Parlamento de Galicia e Renfe ofrece descontos do 40% sobre a tarifa en vigor para os grupos organizados que viaxen en tren a Santiago para coñecer a Cámara galega. O desconto aplícase de luns a xoves.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina