saltar ao contido

O Parlamento de Galicia acolle unha xornada de coñecemento prevención do melanoma no marco dunha campaña internacional

 
• Santalices reitera o compromiso da Cámara a prol da divulgación e a prevención sanitaria
 
Santiago, 20 de xuño de 2018.- O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá unha xornada de coñecemento e prevención do melanoma, enmarcada na campaña Euromelanoma, unha iniciativa paneuropea iniciada en Bélxica en 1999 e que na actualidade está implantada en 33 países. A iniciativa ten como obxectivo promover a prevención do cancro cutáneo e o seu diagnóstico temperán, dirixindo as súas actividades tanto ao público en xeral, como á comunidade científica e ás autoridades sanitarias.
 
A actividade celebrada na Cámara galega comezou con
cadansúa ponencia formativa a cargo do Dr. Hugo Vázquez Veiga, xefe do Servizo de Dermatoloxía da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela e O Barbanza; e da Dra. María Ángeles Flores Menéndez, xefa do Servizo de Dermatoloxía da xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, que falou sobre “Fotoprotección, a defensa eficaz”. Durante a xornada, tamén se realizaron actividades de revisión voluntaria de lunares da pel, na que se realizaron exploracións a un total de 107 persoas.
 
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, foi o encargado de presentar aos ponentes nunha intervención na que reiterou o compromiso da Cámara a prol da divulgación e a prevención sanitaria. “Trasladar mensaxes de saúde á poboación é unha das nosas obrigas”, afirmou.
 
Posteriormente, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo presidente do Parlamento e portavoces, visitou aos facultativos e participantes nesta iniciativa, onde foi informado sobre os obxectivos  da xornada de coñecemento e prevención do melanoma.

Incidencia en ascenso
 
A incidencia do Melanoma Maligno (MM) incrementouse de maneira preocupante nas últimas décadas nas poboacións de pel branca. En España estímase a taxa anual de MM en 11 casos novos por 100.000 habitantes, o que equivale a 300 casos novos ao ano en Galicia. En España, morren por melanoma 710 persoas ao ano, das cales 41 fano en Galicia.
 
O MM é un tumor potencialmente moi agresivo. É frecuente que o MM afecte a adultos mozos e pacientes de idade media, co consecuente impacto negativo nos anos de vida perdidos e alto custe sanitario e social.
 
No momento actual, o diagnóstico e tratamento precoz, a chamada Prevención Secundaria, seguen sendo esenciais para poder modificar o curso natural da enfermidade, tanto en termos de morbilidade como de mortalidade. Por isto, o diagnóstico en estadios temperáns do MM supón un reto para os sistemas de saúde.
 
Vale como exemplo que un Estadio IA a taxa de supervivencia a 5 anos é aproximadamente do 97% e a taxa de supervivencia a 10 anos é aproximadamente do 95%, mentres que nun Estadio IV a taxa de supervivencia a 5 anos é aproximadamente do 15% ao 20%. A taxa de supervivencia a 10 anos é aproximadamente do 10% ao 15%.
 
Neste contexto, a educación en exposición solar saudable considérase unha ferramenta clave.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina