saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 26 de setembro de 2018

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 26 de setembro de 2018
 
4.1 9863 (10/PNP-000921)
 Grupo Parlamentario Popular de Galicia
 Fernández Prado, Martín e 6 máis
 Sobre a realización polo Goberno galego das xestións oportunas diante do Ministerio de Fomento, no marco do contrato adxudicado por Renfe a Talgo, para dotar Galicia de trens AVRIL para prestar o servizo na liña Madrid-Ourense-A Coruña e Vigo, co fin de mellorar os tempos de conexión coa Meseta
 Publicación da iniciativa, BOPG n.º 124, do 07.06.2017

O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que realice as xestións oportunas ante o Ministerio de Fomento para que, no marco do contrato que Renfe adxudicou a Talgo, se dote a Galicia de trens AVRIL para a prestación do servizo na liña Madrid-Ourense-Coruña  e  Vigo,  mellorando  así  os  tempos  de  conexión  coa  Meseta  e facéndoos máis competitivos” .

 
4.4 34520 (10/PNP-002593)
 Grupo Parlamentario Popular de Galicia
 Nóvoa Iglesias, Marta e 6 máis
 Sobre as actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia diante do Goberno do Estado respecto da Orde, do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que establece suplementos territoriais en relación coas peaxes de acceso de enerxía electrica correspondentes ao exercicio 2013
 Publicación da iniciativa, BOPG n.º 349, do 31.08.2018

O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar ao Goberno do Estado:

Que exclúa a Galicia do Anexo da Orde que se atopa en tramitación respecto aos suplementos territoriais para o exercicio 2013, en tanto que os impostos medioambientais establecidos pola Administración autonómica non deben ser aboados polas persoas consumidoras galegas”.
 
4.6 36056 (10/PNP-002675)
 Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
 Bará Torres, Xosé Luís e 5 máis
 Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación cos convenios asinados polo Ministerio de Fomento e Audasa nos anos 2011 e 2013, as deficiencias do servizo que presta a empresa concesionaria da AP-9 e as obras de ampliación da ponte de Rande
 Publicación da iniciativa, BOPG n.º 354, do 12.09.2018

O texto aprobado é o seguinte:
 
 “O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno do Estado:

1. A realización dunha auditoría global sobre as deficiencias do servizo
que presta a concesionaria da AP 9 e sobre as obras de ampliación da ponte de Rande.

2. A apertura de expedientes informativos e sancionadores á concesionaria polas reiteradas retencións e atascos que se producen na AP 9.

3. A aplicación de formas de compensación pola non axeitada prestación do servizo nas xornadas en que se produciron retencións.

4. A que, logo de que o Goberno de España levantase as súas reservas, realice as xestións oportunas co obxecto de acadar no menor prazo posible a transferencia á Comunidade Autónoma da AP-9, de acordo coa lei aprobada por unanimidade na Cámara galega, ao tempo que faga as actuacións necesarias tendentes á minoración das súas peaxes para a cidadanía, incluíndo neste sentido aquelas propostas de modificación das cláusulas actualmente en vigor coa concesionaria.

5.  Que no prazo de tres meses elabore un estudo de viabilidade do rescate da AP-9 para o público, contemplando o seu custe económico, o seu impacto tarifario para o público e as alternativas para o seu financiamento.

6. Que non repercuta as futuras obras que se realicen na AP-9 en suba de peaxes, senón que cumpra o compromiso adquirido polo anterior Ministerio de Fomento coa Xunta de Galicia de pagar esas actuacións con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado.

7. Que se manteñen todos os compromisos xa acadados con anterioridade entre a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado no marco da Comisión mixta entre a Xunta e Ministerio de seguimento da xestión da AP-9”.


 


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina