saltar ao contido

Parlamento, Xunta de Galicia e a ONG de José Andrés facilitarán menús de Nadal a familias e persoas vulnerables ao abeiro da canle Mercaproximidade

• Os menús serán elaborados no Centro Superior de Hostelería de Galicia utilizando produtos agrogandeiros galegos de proximidade e serán distribuídos a través de comedores sociais, cociñas económicas e outras entidades sociais

• A iniciativa contará cun orzamento de 65.000 euros, financiados polo Parlamento, a Vicepresidencia primeira e Consellería da Presidencia, e a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia

• Os menús serán repartidos o 24 de decembro

Santiago, 16 de decembro de 2020.- O Parlamento de Galicia, a Xunta de Galicia e a ONG World Central Kitchen, impulsada polo coñecido chef José Andrés,  elaborarán e distribuirán menús de nadal a familias e persoas en situación de vulnerabilidade agravada pola covid-19, segundo se desprende dun convenio asinado esta mañá no Centro Superior de Hostelería de Galicia.

En virtude deste convenio, cociñeiras e cociñeiros galegos de prestixio, xunto co chef José Andrés,  prepararán, nas dependencias do Centro Superior de Hostelería de Galicia, menús de nadal elaborados con produtos agrogandeiros galegos e de proximidade, adquiridos directamente a agricultores, gandeiros e/ou industrias de transformación de Galicia.

A coordinación do proceso de elaboración dos menús e a súa distribución nos comedores sociais, cociñas económicas e outras entidades sociais que desenvolvan actividades análogas correrá a cargo da ONG World Central Kitchen. Os menús serán repartidos o día de noiteboa, 24 de decembro.

Provedores integrados en Mercaproximidade

A medida está orientada a que persoas e familias en situación de vulnerabilidade podan celebrar a noiteboa e o nadal, ao tempo que apoia a viabilidade dos produtores agrícolas e gandeiros de Galicia. A adquisición efectuarase a provedores integrados na canle de  comercialización de produtos agrogandeiros galegos Mercaproximidade. O importe dos produtos adquiridos a cada provedor deberá ser inferior a 15.000 euros, na procura da pluralidade na prestación deste servizo.

Esta iniciativa será financiada cunha achega total de 65.000 euros, financiados polo Parlamento de Galicia, a Vicepresidencia primeira e Consellería da Presidencia, Xustiza e Turismo, e a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.

Compromiso social do Parlamento

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, enmarcou este convenio no “compromiso social” da Cámara lexislativa galega, e que se traduce en diferentes medidas de apoio ás entidades e organizacións que operan neste ámbito.  Recordou que  a finais de novembro, Parlamento de Galicia e Consellería de Medio Rural asinaran outro documento de colaboración para achegar cadansúa partida de 65.000 euros para adquisición de produtos de proximidade para comedores sociais e bancos de alimentos.

O convenio de colaboración foi asinado polo presidente o Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira; o vicepresidente primeiro e conselleiro da Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda Valenzuela; e o conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

 


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina