saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 9 de xuño de 2021


3.4 13689 (11/PNP-001341)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Nóvoa Iglesias, Marta e 6 máis
Sobre a demanda do Goberno galego ao Goberno central de atención ás alegacións presentadas pola Xunta de Galicia respecto do Proxecto de orde pola que se establecen os prezos dos cargos do sistema eléctrico e dos pagos por capacidade que resultan de aplicación a partir do 1 de xuño de 2021
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 121, do 07.04.2021

O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que adopte as medidas necesarias dirixidas a reducir o impacto negativo da nova tarifa eléctrica na economía das familias e na competitividade  das empresas a través do impulso, como mínimo, medidas:

1.- Impulsar o descenso da factura eléctrica a través da  revisión dos tramos horarios, así como da supresión do gravame do imposto sobre a produción de electricidade.

2.- Traspasar aos Orzamentos Xerais do Estado algúns dos custos regulados da tarifa eléctrica, a débeda do sistema eléctrico e os custos extrapeninsulares.

3.-Revisar  a tributación que soporta a factura eléctrica e impulsar unha reforma fiscal que harmonice a fiscalidade que esta factura soporta en España cos gravames medios dos países do noso entorno.

4.- Co obxectivo de impulsar a eficiencia enerxética e o autoconsumo, conceder máis peso específico ao termo de enerxía que o de potencia.

5.- Simplificar a factura eléctrica para facilitar a súa comprensión, e poñer en marcha de inmediato unha campaña de información ás persoas consumidoras que explique de forma sinxela e comprensible a nova tarifa eléctrica, facilite a toma de decisión e permita un consumo máis eficiente para evitar o encarecemento da subministración eléctrica.

6.- Ampliar o dereito de poder acollerse ao Prezo Voluntario do Pequeno Consumidor (PVPC) ata potencias iguais ou inferiores a 15 KW para o consumidor doméstico, co fin de facilitar o acceso ao Bono Social Eléctrico”


3.5 14701 (11/PNP-001452)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Verea Fraiz, Borja e 6 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación co deseño e presentación oficial do Plan turístico nacional Xacobeo 2021-2022
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 130, do 28.04.2021

O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento de Galicia insta o Goberno da Xunta de Galicia a solicitar do Goberno de España:

1. Que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, para o deseño do Plan de Turístico Nacional Xacobeo 21-22, conte ca participación das CCAA, dentro das súas competencias no ámbito turístico, para a concreción de accións e para a aplicación de recursos económicos para os anos 2021-2022

2. Que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo se comprometa a facer a presentación oficial do Plan Turístico Nacional Xacobeo 21-22 na Comunidade Autónoma de Galicia.” 


3.6 15479 (11/PNP-001491)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Castro Rey, Paloma e 3 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia respecto do desenvolvemento de programas de recollida, recuperación e reciclaxe de residuos mariños
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 134, do 05.05.2021

O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento galego insta o Goberno galego a:

1. Crear unha partida orzamentaria específica con fondos propios, que complemente a participación en programas europeos e iniciativas privadas, para continuar implementando programas de recollida  e recuperación de residuos mariños, co fin de chegar a actuar en 2023 na totalidade da costa galega, mediante incentivos financeiros ao sector do Mar.

2. Desenvolver campañas de información e sensibilización sobre o papel da cidadanía na loita contra a contaminación plástica e o lixo mariño.

3. Elaborar un plan específico para a reciclaxe de todos os obxectos recollidos, xa sexan redes, cordas, plásticos, latas ou outros residuos, no que se inclúa a recollida unificada das artes de pesca a bordo dos buques en bolsas ou contedores e a facilidade de instalacións axitadas nos portos.

4. Realizar unha avaliación anual das características e tipos de residuos recollidos co fin de levar a cabo accións de prevención”.

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina