• Reitera que unha das súas prioridades como presidenta da Cámara pasa por abrir as portas a todos os cidadáns e recorda que o Parlamento dispón dun programa de visitas durante todo o ano aberto a todos os cidadáns
• O Parlamento habilita unha urna para que os visitantes que o desexen deixen comentarios ou suxestións sobre a visita ao remate do percorrido
Santiago, 4 de xuño de 2011.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, agradeceu a participación de todas as persoas que hoxe se achegaron á Cámara lexislativa no marco da Xornada de Portas Abertas da institución. Rojo Noguera xustificou esta convocatoria polo feito de que se ben o Parlamento é a primeira institución de Galicia, continúa a ser pouco coñecido para moitas persoas.
A presidenta do Parlamento, acompañada por membros da Mesa do Parlamento, os voceiros dos grupos parlamentarios e por diferentes deputados, recibiu desde primeira hora aos visitantes que se foron achegando á sede do lexislativo autonómico.
Visita individual ou en grupo
Unha vez no interior do edificio, e logo de visualizar un vídeo explicativo sobre as funcións e a historia do Parlamento, os visitantes teñen opción de efectuar un percorrido polas instalacións do Pazo do Hórreo, a título individual ou no marco dunha visita guiada.
En declaracións aos xornalistas, Pilar Rojo explicou que unha das súas prioridades, desde que asumiu a Presidencia do Parlamento de Galicia, consiste en “abrir as portas” da institución a todos os cidadáns.
Visitas guiadas
Por iso, ao seu xuízo, a Xornada de Portas Abertas que hoxe se celebra –a primeira tivo lugar o 22 de maio de 2010- ten un efecto arrastre ao longo de todo o ano, dado que calquera cidadán pode visitar o Parlamento de Galicia, cando o desexe, no marco do programa de visitas guiadas.
Na xornada deste ano, e como novidade, os visitantes dispoñen dunha urna na que poden depositar os seus comentarios, impresións e suxestións ao remate do percorrido pola sede do poder lexislativo galego.