A Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, na súa sesión do 14 de marzo de 2023, adoptou o seguinte acordo:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 48111 (11/PNC-004124)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pérez Fernández, Rosana e 2 máis
Sobre a demanda que debe realizar a Xunta de Galicia ao Goberno de España para a defensa da pesca galega de artes de fondo
BOPG n.º 446, do 01.02.2023
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta o Goberno da Xunta de Galicia a:
1.- Demandar do Goberno do Estado
- Unha posición de firmeza na defensa da pesca galega de artes de fondo diante da inminente presentación do Plan de Acción da UE para Conservar os Recursos Pesqueiros e Protexer os Ecosistemas Mariños.
- A presentación de observacións e/ou consideracións á norma durante a súa tramitación que traten de evitar a prohibición e/ou limitación das artes de fondo nas augas comunitarias.
- A esixencia á UE de que calquera medida que se adopte se basee en estudos científicos rigorosos e actualizados sobre o estado dos recursos, atendendo ao impacto socioeconómico que podería causar e en diálogo co sector.
- Articule as medidas de compensación económicas necesarias para paliar as consecuencias que xa está a ter o peche de 87 áreas de pesca no sector pesqueiro galego de artes de fondo.
2.- Que programe e leve a cabo un plan de actuacións políticas de acordo co sector pesqueiro e diante da UE e do Estado español, para impedir que a futura posta en marcha do Plan de Acción da UE para Conservar os Recursos Pesqueiros e Protexer os Ecosistemas Mariños afecte á frota galega de artes de fondo.
3.- Que dea cumprimento inmediato ao acordo unánime do Pleno do Parlamento Galego do pasado 22 de novembro."