saltar ao contido

O reitor da Universidade de Mongolia traslada á delegación do Parlamento de Galicia o seu interese por cooperar coas universidades galegas

• Román Rodríguez e Carlos Aymerich comprométense a facer chegar este interese aos reitores das universidades galegas
 
Hohhot (China), 20 de xuño de 2011.- A delegación do Parlamento de Galicia que visita China respondendo a unha invitación das autoridades do país asiático -integrada por Román Rodríguez, viceportavoz do Grupo Parlamentario Popular; e Carlos Aymerich, portavoz parlamnetario do BNG; acompañados polo director do  IGADI, Xulio Ríos- mantivo hoxe unha reunión co reitor da Universidade de Mongolia, Jakhadai Chimeddorji, que trasladou aos deputados galegos o seu interese por colaborar coas universidades galegas.
 
No transcurso da entrevista, o reitor, que estivo acompañado polo   responsable da división de cooperación internacional da Universidade de Mongolia, Zhao Yong, amosouse convencido de que “podemos profundizar na cooperación” universitaria.
 
Na actualidade, segundo explicou o reitor, a Universidade de Mongolia ten acordos de cooperación e mantén intercambios con diversas universidades europeas -alemanas e británicas, fundamentalmente-, pero con ningunha española.
 
Román Rodríguez e Carlos Aymerich comprometéronse co reitor a trasladar este interese por promover intercambios aos reitores das tres universidades galegas.
 
O máximo responsable da Universidade de Mongolia explicou que o interese da institución que dirixe se centra nas ciencias ambientais e o uso eficiente da auga, aforro enerxético, inxeniería, tecnoloxía agraria e enoloxía, antropoloxía e políticas autonómicas, campos nos que considera poderían explorarse posibles vías de cooperación con Galicia.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina