Santalices reivindica a figura de Arcadio López-Casanova “exemplo a seguir polas xeracións que nos sucedan"
Santiago, 29 de xullo de 2023.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta sábado na XV edición da Festa da Palabra, celebrada na Insua dos Poetas (A Esgueva, Madarnás, O Caballiño). Nesta edición, a Festa da Palabra rendeu homenaxe a Arcadio López-Casanova (Lugo, 1942 – Valencia, 2022), poeta, crítico literario e catedrático xubilado da Universidade de Valencia.
Para Santalices, a obra e a traxectoria vital de López-Casanova resultan merecentes do recoñecemento xeral, tamén por tratarse dun intelectual que “levando máis de medio século asentado noutras terras –chegou a Valencia en 1968 para facerse cargo dunha cátedra-, xamais abandonou o seu compromiso con Galicia e coa nosa lingua". A xuízo do presidente do Parlamento, López-Casanova “foi, é e será un exemplo a seguir polas xeracións que nos sucedan".
“Dar a coñecer a súa figura entre os máis novos é unha obriga irrenunciable -agregou Santalices-, como irrenunciable resulta cultivar entre a rapazada o amor pola nosa lingua. Poucas tarefas hai tan nobres como as dos mestres vocacionais que fan o posible e o imposible para formar e acompañar aos máis novos cultivando e regando cada día a ilusión, o esforzo a curiosidade intelectual".
Na súa intervención, Santalices Vieira tivo tamén palabras de agradecemento para Luis González Tosar, presidente da Fundación Insua dos Poetas, anfitrión no acto deste sábado e “alma mater da Festa da Palabra e da Insua dos Poetas, dous proxectos felizmente consolidados que poñen de manifesto o seu inquebrantable compromiso con Galicia, coas nosas letras e coa nosa cultura".
Saúdos, Gabinete de Comunicación.