saltar ao contido

Colección de arte do Parlamento de Galicia

Buscador de obras

Limiar

O Parlamento de Galicia, cerne da autonomía política da Comunidade, atesoura unha das máis valiosas e variadas coleccións públicas de arte galega contemporánea. Un auténtico tesouro froito da talento creativo dos seus autores e autoras e tamén do compromiso inequívoco coa arte galega dos diferentes equipos reitores da Cámara lexislativa. Un tesouro, en suma, que é de todos e para todos, e tamén unha ferramenta poderosa de difusión da nosa cultura, dentro e fóra das nosas fronteiras xeográficas.
>> Continuar lendo

A dimensión cuantitativa e cualitativa que esta colección de arte foi adquirindo co paso do tempo, desde aquel arredado 19 de decembro de 1981, cando o Parlamento de Galicia botaba a andar nunha sede que nin sequera era de seu, o arcebispal Pazo de Xelmírez, fai que cada día nos sintamos máis orgullosos dela, ao tempo que redobramos os esforzos para a dar a coñecer, tanto entre os expertos como entre o público en xeral.

Dun tempo a esta parte, o Parlamento de Galicia está inmerso nunha estratexia de apertura á sociedade co obxectivo de que a xente nos coñeza mellor, porque —hai que o recoñecer— o Poder Lexislativo segue a ser, e non só en Galicia, un gran descoñecido.

Con ese obxectivo impulsamos diferentes iniciativas orientadas a facilitar as visitas á nosa sede, o Pazo do Hórreo, durante as cales os seus protagonistas teñen ocasión de se achegaren ao universo creativo galego do século XX e de comezos do XXI.

Este rico patrimonio artístico, sempre ao dispor da sociedade, tanto a través das visitas guiadas como do programa de préstamos e intercambios con outras institucións e entidades, estaba pendente de ser recompilado nunha publicación de gran formato como a que o lector ten nas súas mans. Coidadas reproducións fotográficas acompañadas do texto erudito do doutor en Historia da Arte e profesor Francisco Javier Limia Gardón conforman este volume.

Trátase dun catálogo da colección de arte do Parlamento de Galicia, pero non é menos certo que podería ser utilizado como manual a través do que aproximarse, desde o rigor e a pluralidade, ao extenso universo da creación artística galega contemporánea.

No seu célebre discurso Alba de Gloria, do que neste 2018 se celebra o seu 70 aniversario, Castelao afirmou que «os escultores Moure e Ferreiro, xunto cos arquiteitos Andrade e Casas e Nóvoa, ceibaron de cadeas a nosa orixinalidade oprimida».

Por fortuna, desde hai máis de catro décadas, España e Galicia viven e exprésanse en liberdade, ceibes de cadeas en virtude da Constitución e o Estatuto de Autonomía. A orixinalidade artística de Galicia pode tamén parabenizarse, pois protagoniza un rexurdimento vizoso, e a todos os seus creadores —pasados, actuais e futuros— rendemos tributo neste libro.

Miguel Ángel Santalices Vieira

Presidente do Parlamento de Galicia

Video de presentacion da coleccion de arte

Obras

saltar ao pe de páxina