30/10/2024
Santiago, 30 de outubro de 2024.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, mantivo hoxe unha reunión co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín e co arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, na que sentaron as bases para formalizar a constitución da Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres e dos seu Padroado previstos na Lei 5/2023 aprobada por unanimidade co respaldo de diferentes institucións e entidades.
Trala xuntanza, promovida polo presidente da Cámara galega, Santalices explicou que nela se analizou a constitución dos órganos que rexerán o funcionamento da Fundación co obxectivo de formalizala ante notario, así como os aspectos relacionados coa distribución do seu capital fundacional.
Santalices expresou o seu desexo de que tódolos trámites xurídicos e administrativos necesarios se leven a cabo “o máis rápido posible".
O contido da Lei 5/2023, do 4 de agosto, do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres pode consultarse no seguinte enlace:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230808/AnuncioC3B0-040823-0001_gl.pdf