15/11/2024
Santiago, 15 de novembro de 2024.- O Parlamento de Galicia acolleu hoxe o acto conmemorativo do 80 aniversario da Constitución do Consello de Galiza, a institución que, presidida por Castelao, constituíuse en 1944 en Montevideo como fideicomisaria da vontade autonomista do pobo galego que quedara expresada no referendo estatutario de xuño de 1936.
Na presentación deste acto, froito do acordo entre os grupos representados na Cámara, o presidente do Lexislativo, Miguel Ángel Santalices Vieira, lembrou que nesa data tomou forma a institucionalización do autonomismo galego, “un primeiro paso modesto na forma e na representatividade".
Santalices referiuse á precariedade de recursos e mesmo á itinerancia dos arquivos do Consello de Galiza do que Castelao foi o seu primeiro presidente. A diferenza dos gobernos vasco e catalán, que puideron funcionar grazas ás a achegas da República, explicou, o Consello puido funcionar grazas ás achegas dun grupo de galegos do exilio e da emigración.
“Por non ter, non tiña nin sede", dixo, pero si un liderado incuestionable, “un faro de galeguismo, democracia e honestidade e coherencia: o seu presidente, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao", concluiu. Neste acto conmemorativo, o presidente do Parlamento sinalou ao político de Rianxo como une “referente incuestionable" para todos os demócratas galegos, con independencia do seu encadre ideolóxico.
Por outra banda, o presidente do Parlamento, destacou que parte da documentación conservada da primeira etapa do Consello, a presidida por Castelao, consérvase no Parlamento de Galicia. Libro de actas, libro de contas e varias carpetas con correspondencia expóñense na Cámara co gallo da celebración do 80 aniversario da constitución do Consello de Galiza.
Xornada
A xornada conmemorativa que se celebrou na Cámara autonómica contou coas intervencións da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez e do catedrático de Historia Contemporánea da USC, Ramón Villares. Na mesa redonda Castelao, un home adiantado ao seu tempo participaron representantes de todos os grupos con representación parlamentaria e o presidente do Partido Galeguista, Xesús M. Suárez, moderados polo presidente da Fundación Castelao, Miguel A. Seixas.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.