Presentación 29/07/2016
• O Parlamento de Galicia acolleu a presentación do volume que recompila dos discursos parlamentarios do presidente Pérez Touriño
Santiago, 29 de xullo de 2016.- O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá o acto de presentación do libro que recompila os discursos parlamentarios de Emilio Pérez Touriño como presidente da Xunta, un acto no que o titular da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, reivindicou as boas maneiras no exercicio da política.
Santalices Vieira chamou a atención sobre a importancia de “respectar as regras de xogo democrático, de cumprir e facer cumprir as leis –o Regulamento do Parlamento tamén é unha lei-, de debater sen sobrepasar determinadas liñas vermellas, sen necesidade de violentar as institucións nin faltarlle ao respecto a ninguén”. Neste punto, o presidente do Parlamento puxo en valor a “política da moderación, as boas maneiras, o respecto persoal ao opoñente e o xogo limpo”.
Dos discursos recompilados neste volume, o presidente do Parlamento apuntou que “poñen de manifesto as liñas mestras do pensamento político” de Emilio Pérez Touriño, mais tamén do seu “proxecto de país e mesmo do acordo programático que permitiu a configuración do seu Goberno. Podemos concordar ou non con algúns deses plantexamentos, pero o certo é que foron formulados na procura dun futuro mellor para todas e todos”.
Recordou Santalices que durante a lexislatura na que Pérez Touriño exerceu a Presidencia da Xunta, el era e exercía como deputado e como portavoz de Sanidade do Grupo Parlamentario Popular. “Exercemos a oposición con dureza, pero con lealdade ás institucións e creo que sen faltar nunca ao respecto de ninguén, sen necesidade de utilizar insultos”. Fronte a esa actitude, recoñeceu a reciprocidade do Goberno que presidía Pérez Touriño. “Eran implacables en defensa da súa xestión, pero respectuosos cos que estábamos a articular unha alternativa”, afirmou Santalices.
En papel e na web
Ao igual que os anteriores volumes desta colección, ademais de publicarse en papel, o libro tamén é accesible a través da web do Parlamento de Galicia.
Despois do presidente do Parlamento, tomaron a palabra o autor do prólogo do libro, o xornalista Fernando Salgado; o protagonista do volume, Emilio Pérez Touriño; e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.