saltar ao contido

Santalices subliña a vocación de entendemento e de aproximaxión entre galegos e portugueses

Recepción 09/06/2017

• Participou na recepción ofrecida polo vicecónsul de Portugal en Galicia  con motivo da celebración do Día de Portugal en Ourense
 
• “Que os galegos denominemos raia á fronteira con Portugal é unha evidencia máis da permeabilidade da pretendida liña divisoria”, afirmou o presidente da Cámara
Santiago, 9 de xuño de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, destacou esta tarde na recepción ofrecida polo vicecónsul de Portugal con motivo da celebración do Día de Portugal, de Camões e das Comunidades Portuguesas, que nesta edición se celebra en Ourense, a vocación de entendemento e aproximación de galegos e lusos, reforzadas a través de actividades como a inaugurada este venres.
 
Santalices Vieira afirmou que tradicionalmente a fronteira foi  máis un espazo de intercambio e de convivencia ca unha estrema infranqueable. “Que os galegos denominemos raia á fronteira con Portugal é unha evidencia máis da permeabilidade desa pretendida liña divisoria xurdida séculos atrás”, dixo.
 
Espírito de fraternidade
 
O titular da Cámara galega congratulouse do achegamento protagonizado por Galicia e Portugal nas últimas décadas, recordando que desde finais do século XX, estradas, pontes e proxectos de cooperación reforzan e poñen de manifesto o espírito de fraternidade que une a galegos e portugueses.
 
O valor da lusofonía
 
Neste contexto, Santalices Vieira recordou tamén a aprobación, na Cámara galega, en 2014 e froito dunha iniciativa lexislativa popular, da Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos cos lusofonía.
 
Apuntou tamén que o Parlamento de Galicia lidera proxectos de cooperación e intercambio cultural, nomeadamente coa Asemblea Lexislativa dos Azores, que mesmo o fixo merecedor dun premio europeo. Avanzou que a Cámara segue a traballar nesta dirección e que nos próximos meses presentará novas iniciativas de cooperación relacionadas coa promoción da cultura galega e portuguesa.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina