saltar ao contido

O presidente do Parlamento atribúe á Constitución española “o período de maior estabilidade, crecemento e benestar da nosa historia”

Conferencia 29/11/2017

• Santalices Vieira participou esta tarde, na Escola Naval Militar, nunha conferencia divulgativa sobre o Parlamento de Galicia, organizada pola Cátedra Álvarez Ossorio
 
• Subliña que “o Parlamento ten que ser o primeiro en dar exemplo” no cumprimento das leis

Santiago, 29 de novembro de 2017.- A escasas datas da celebración do Día da Constitución, o presidente do Parlamento de  Galicia aproveitou unha intervención na Escola Naval Militar, en Marín, para reivindicar o legado da Carta Magna que, na súa opinión, “permitiu ao conxunto de España disfrutar do período de maior estabilidade, crecemento e benestar de toda a nosa historia”.
 
Santalices Vieira participou, acompañado por tres ex deputados da Cámara, nunha conferencia sobre o Parlamento de Galicia convocada pola Cátedra Álvarez Ossorio na Escola Naval Militar, onde foron presentados polo comandante director do centro, o capitán de navío José María Núñez Torrente.
 
O Parlamento, obrigado a respectar as leis
 
Explicou Santalices que o Parlamento “non é unha illa” e que “se a sociedade, para funcionar correctamente, debe respectar as leis, o Parlamento ten que ser o primeiro en dar exemplo”. Abundando nesta idea, o titular do Lexislativo galego recordou que se ben o Parlamento aproba e modifica leis, o fai “dentro da lei, respectando e cumprindo a Constitución española, o Estatuto de Autonomía e o propio Regulamento da Cámara”.
 
Lembrou Santalices que, con independencia das diferentes composicións que se sucederon desde a súa primeira sesión constitutiva, en decembro de 1981,  “no Parlamento de Galicia temos actuado sempre con arreglo ás normas e creo, honestamente, que o resultado final acredita o acerto de traballar deste xeito”.
 
Este xeito de organizar o traballo parlamentario en Galicia tradúcese, de acordo con Santalices, “nunha Comunidade que avanza; unha Comunidade estable, sen sobresaltos; unha Comunidade que ofrece confianza, porque somos previsibles; e unha sociedade estruturada e unida no fundamental”.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina