saltar ao contido

Estudantado de centros públicos poderá facer visitas conxuntas á Xunta e ao Parlamento nun programa de promoción dos valores democráticos

Convenio 18/12/2017

• O presidente do Parlamento e o conselleiro de Educación asinan o convenio “Coñece as túas institucións”, orientado a difundir o papel das institucións e explicar a separación de poderes, esencial en calquera democracia
 
• Xunta e Parlamento patrocinarán os desprazamentos desde unha óptica de eficiencia
 
• A comisión de seguimento do convenio reunirase nos vindeiros días para que que os centros podan comezar a solicitar visitas
 
Santiago, 18 de decembro de 2017.- O presidente do Parlamento  de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, asinaron hoxe no Pazo do Hórreo un convenio de colaboración que permitirá organizar visitas guiadas conxuntas ás sedes do poder Lexislativo e Executivo galego para o alumnado de centros públicos da Comunidade Autónoma.
 
Con este programa, denominado “Coñece as túas institucións” e dirixido inicialmente ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO, preténdese que o estudantado poda coñecer de primeira man o funcionamento do Parlamento e da Xunta e comprenda a separación de poderes propia das democracias, unha separación que, segundo recoñeceu o presidente da Cámara, ás veces resulta confusa para a cidadanía.
 
Xunta e Parlamento asumirán o custe dos desprazamentos que, nunha mesma xornada, permitirán que cada grupo poda visitar as dependencias do Lexislativo e do Executivo e recibir cumpridas explicacións sobre o funcionamento e competencias das institucións autonómicas.
 
Eficiencia
 
Co convenio asinado hoxe preténdese animar a participación dos centros nesta iniciativa desde unha óptica de eficiencia na xestión dos recursos públicos, ao tempo que se busca cubrir un baleiro no ensino práctico dos denominados valores democráticos.
 
O acto celebrouse no vestíbulo que comunica o Salón de Plenos do Parlamento co acceso exterior, simbolizando a  vocación de apertura do Lexislativo, segundo explicou o presidente da Cámara, Miguel Santalices.
 
Compromiso de apertura
 
Lembrou Santalices que mañá se cumpren 36 anos da constitución do Parlamento de Galicia e que con este acto se pecha a conmemoración do 35 aniversario da  Cámara, integrada por diferentes actos que, desde unha óptica plural e participativa, tentaron poñer o foco sobre a institución, aqueixada dun “déficit crónico de coñecemento”.
 
Sobre o tempo transcorrido desde a primeira sesión do Parlamento, Santalices Vieira considerou que “o labor de aqueles deputados pioneiros e os que os seguiron, o da Xunta e o do conxunto da sociedade galega, pagou a pena ata o punto de que Galicia se ten situado entre os territorios con maior autonomía política de Europa e se converteu nunha Autonomía crible, solvente e respectada, considerada por moitos un modelo a seguir”.
 
Santalices Vieira recordou que o Parlamento de Galicia dispón desde hai tempo dun programa de visitas guiadas que “funciona razoablemente” e pechará este ano con máis de 12.000 participantes,  pero agarda que o convenio asinado hoxe permita amplialo e tamén mellorar o o coñecemento da sociedade respecto ás súas institucións de autogoberno.
 
Súmase esta a outras medidas impulsadas polo Parlamento como as charlas divulgativas para estudantado de ESO e Bacharelato, que neste curso se estenderon ás universidades, os plenos infantís ou as edición de material bibliográfico. Todas teñen como obxectivo a difusión da actividade parlamentaria.
 
O presidente do Parlamento convidou ao persoal docente  a implicarse na posta en marcha do programa hoxe formalizado, ao que agradeceu expresamente o traballo que desenvolven.
 
As visitas, despois das vacacións de Nadal
 
A comisión mixta encargada de coordinar e seguir o desenvolvemento do convenio asinado polo presidente do Parlamento e o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reunirase de inmediato para poñer en marcha os mecanismos para que os centros educativos podan formalizar as solicitudes de visita. As solicitudes poderán tramitarse a través da páxina web do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina